30/01/11

A tiopa

As Tiopas, ou toupas, traballan con ganas na finca chamada Chau do Carballo. Estes montonciños de terra incordian un pouco á hora de recoller a herba para ensilar, pero esto comparado cos danos do xabarín é un mal menor.

22/01/11

Frases e refráns de Pilar Guerra

Os ditos da nosa nai/tía Pilar xa estaban na internet, despois contou algúns no Ben falado. Agora deu un paso máis, grazas coma sempre a don Xesús Ferro que lles deu acollida nos Cadernos de Fraseoloxía Galega que el dirixe:

Cadernos de Fraseoloxía Galega, revista de investigación fraseolóxica, está redactada en lingua galega porque, en primeiro lugar, pretende estimula-la recolla e investigación da fraseoloxía galega e da fraseoloxía universal en Galicia; pero tamén porque forma parte dun proxecto social de normalización da lingua propia de Galicia. Importantes fraseológos de Europa e de América colaboran xenerosamente neste proxecto de ecoloxía lingüística publicando en galego traballos inéditos nesta revista, que chega xa gratuitamente á noventa e cinco dos máis importantes fraseólogos do mundo e, en intercambio, a tódalas bibliotecas universitarias de España e Portugal. Chegará tamén a tódalas outras bibliotecas universitarias que o soliciten en intercambio. Os números anteriores, xa esgotados, poden baixarse integramente en formato PDF de Internet en http://www.cirp.es/rec2/cfg.html.









Velaquí a primeira páxina da freseoloxía (frases) e paremioloxía (refráns) de Pilar Guerra coa introdución ao traballo en galego e inglés. Seguen varias páxinas de explicación do galego utilizado por Pilar e logo as 520 entradas

Dentro de seis meses calquera poderá descargar o traballo enteiro na páxina do Ramón Piñeiro.

Imos celebralo cunha copiña de licor café e galletas que tan ben lle saen a ela, o mesmiño cás frases.



18/01/11

Xa custa máis un quilo de penso que un de leite


Xoán Ramón Alvite LA VOZ DE GALICIA, 18/1/2011.
A subida dos cereais dispara o prezo dos concentrados alimenticios até un 30%
Empeza mal o ano para os produtores lácteos galegos. O forte incremento experimentado polas cotizacións dos cereais nos mercados internacionais disparou  até un 30% o prezo dos pensos. Iso supuxo outro golpe para as gandarías que non cobren os seus custos co que perciben por cada litro de leite que entregan á industria. De feito as subas de apenas 3 céntimos rexistradas polo prezo da materia prima en orixe, durante o último trimestre do ano, apenas serviron para cubrir a suba aplicada aos concentrados alimenticios. Dependendo da formulación de cada mestura, o incremento medio de cada quilo de alimento sitúase aredor dos 4 céntimos, aínda que algúns fabricantes optaron por repartiren esta subida en varias mensualidades. Máis gravoso foi o aumento experimentado por aqueles pensos elaborados con altas porcentaxes de materias nobres como a cebada, a soia ou o millo ,que viron como o seu prezo se encarecía até en sete céntimos. Desde o pasado mes de xuño, o prezo da cebada en orixe multiplicouse por dous e chegou a alcanzar un máximo de 220 euros. Outro tanto sucedeu coa soia ou co trigo, que pasou de pagarse a 140 euros aos 260 euros que chegou a marcar a pasada semana. Isto propiciou que sexa posible atopar concentrados destinados a vacas de alta produción con prezos que alcanzan os 38 céntimos, 7 por encima do valor medio percibido por unha explotación, o pasado mes, por cada litro do seu leite. A especulación parece ser a causa deste repunte de prezos. «Non parece claro que haxa motivos obxectivos para esta suba tan radical máis aló da especulación propiciada por grandes grupos de investimento que se refuxiaron no mercado das materias primas. Nalgúns cultivos mesmo se esperan colleitas máis abondosas que en anos precedentes», apuntan fontes do mercado, que matizan que a maioría dos fabricantes non están a repercutir no prezo final do seu produto a totalidade da suba das materias primas. Os gandeiros están a optar por cambiar a composición dos seus pensos para reducir o prezo e con iso mellorar os seus resultados. Solución que pode supor un risco de perda de calidade para as explotacións. «Non é o mesmo elaborar un produto con soia ou millo que con aceite de palma, xirasol ou colza. Entre un penso e outro hai diferenzas de prezo pero tamén de calidade, extremo que non debe ser descoidado polas granxas. Ás veces o barato acaba saíndo caro», apunta Guillermo Pazos, veterinario. Tamén opina así Germán González, presidente de Pensos Alborés. «Sabemos dos riscos que supón a reformulación do penso, pero tamén que nesta situación ningunha explotación podar facer fronte ao custo do concentrado», apunta. A ración media dunha vaca frisona de alta calidade oscila entre os 8 e os 12 quilos de penso diario. Iso supón destinar polo menos dez litros da produción de cada animal (practicamente a metade) só para cubrir este gasto.

16/01/11

Renovación de maquinaria

De INDUSAGRI chegounos un novo apeiro en proba. Agora temos que ver se é axeitado para as nosas necesidades e logo decidimos se "mercamos". De paso saudamos o vendedor Juan, sobriño dun socio dos Parentes

09/01/11

Orixe da palabra Trasar

Hai un tempo que deixamos a pregunta neste blog: de onde vén Trasar? Pois xa o sabemos grazas a don Xesús Ferro Ruibal que nos contestou moi amablemente. E resulta que vén de Trasarius, que era nome de persoa hai moitos, moitos anos. E tamén sabemos que xa hai máis de 700 anos había en Trasar un Xan que tiña unha unha explotación e vivía do campo. O informe completo está na nosa web, no apartado Orixe da palabra Trasar. Otra vez máis o noso agradecemento a don Xesús.

06/01/11

Día de Reis: lembranza do noso tío Anxo

Xa quedou claro noutras entradas que se existen Os Parentes é en parte polo empeño e a axuda do noso tío, que en paz descanse, o cura do Incio.
Hoxe recibimos un agasallo de reis na súa memoria. Pois resulta que o tío durante anos foi gravando cintas con cancións e romances por moitos lugares da provincia. Esas cintas déullelas a Mini e Mero (A Quenlla) que as depositaron no Museo do Pobo Galego de Santiago (Arquivo do patrimonio oral e da identidade) para o seu estudo e divulgación. Alí estanas dixitalizando para que no futuro calquera galego e non galego as poida consultar. Os Parentes queremos agradecer a don Sergio de la Ossa e ao seu equipo o traballo que están a facer recuperando as cintas e poñendo en valor o que fixo o noso tío (dinos que no futuro irán aparecendo máis arquivos).

Como consultar as cintas que xa están preparadas? Pois entrar aquí
-compilador: escoller González, Anxo
-atopar  (abaixo á esquerda)
-nos datos que aparecen pode pinchar en audio para escoitar a cinta, en Anxo González para ver a biografía, etc.

04/01/11

Van acabando as figadeiras

Nas familias dos Parentes as figadeiras (matanzas do porco) van rematando este ano. Tócalle pór o ramo á do Paco do Barrio estes días. Eiquí é costume moi apreciado que o 1º día ao acabar de matar e lavar as tripas se tomen unhas deces especiais: carnes mortas -o páncreas-, paxarelas -o bazo- e este ano na Casa de Baixo tamén se fixeron as molexas, que saben moi parecido ás carnes mortas pero con outra textura; e sen faltar un vasiño de Ribeira Sacra da casa.
Na foto están preparadas as carnes para a prancha: á esquerda da foto as molexas, no medio as paxarelas e á dereita as carnes mortas. Bo proveito, amiguiños (como dicía Trapero Pardo hai 40 anos en Radio Lugo ao final do programa)

02/01/11

A economía explicada con vacas (para empezar o ano)

Socialismo: Ti tes 2 vacas. O estado obrígate a darlle 1 ao teu veciño. 
Comunismo: Ti tes 2 vacas. O estado quítachas e dáche algo de leite.
Fascismo: Ti tes 2 vacas. O estado quítachas e VÉNDECHE algo de leite.
Nazismo: Ti tes 2 vacas. O estado quítachas e dispárache na cabeza.
Burocratismo: Ti tes 2 vacas. O estado pérdeche unha, muxe a outra e logo tira o leite ao chan.
Capitalismo tradicional: Ti tes 2 vacas. Vendes unha e mercas un boi. Fas máis vacas. Vendes as vacas e gañas diñeiro. Logo retíraste rico.
Capitalismo moderno: Ti tes 2 vacas. Vendes 3 das túas vacas á túa empresa que cotiza en bolsa mediante letras de crédito abertas polo teu cuñado no banco. Logo executas un intercambio de participación de débeda cunha oferta xeral asociada co que xa tes as 4 vacas de volta, con exención de impostos por 5 vacas. O leite quedan as túas 6 vacas é transferido mediante intermediario a unha empresa con sede nas Illas Cayman que volve vender os dereitos das 7 vacas á túa compañía. O informe anual afirma que oti tes 8 vacas con opción a unha máis. Colles as túas 9 vacas e córtalas en anaquuiños. Logo vendes á xente as túas 10 vacas troceadas. Curiosamente durante todo o proceso ninguén parece darse conta que, en realidade, ti só tes 2 vacas.
Economía xaponesa: Ti tes 2 vacas. Redeseñar a escala 1:10 e que che produzan o dobre de leite. Pero non te fas rico. Logo rodas todo o proceso en debuxos animados. Chámaslles Vakimon e incomprensiblemente, faste millonario.
Economía alemá: Ti tes 2 vacas. Mediante un proceso de reenxeñría consegues que vivan 100 anos, coman unha vez ao mes e se muxan soas. Ninguén cre que teña ningún mérito.
Economía rusa: Ti tes 2 vacas. Contas e tes 5 vacas. Volves contar e sáenche 257 vacas Volves contar e sáenche 3 vacas. Deixas de contar vacas e abres outra botella de vodka.
Economía chinesa: Ti tes 2 vacas. Tes a 300 tíos muxíndoas. Explicas ao mundo o teu incrible cociente de produtividade leiteira. Disparas a un xornalista que se dispón a contar a verdade.
Capitalismo americano: Tes dúas vacas. Vendes unha e forzas á outra a producir o leite de catro vacas. Quedas sorprendido cando ela morre.
Economía iraquí: Ti non tes vacas. Ninguén cre que non teñas vacas, bombardéante e invádenche o país. Ti segues sen ter vacas.
Economía india: Ti tes 2 vacas. Polas nun altar para adoralas. Despois segues comendo arroz ao curry (se tes algo para comer)
Economía suíza: Hai 5.000.000.000 de vacas É obvio que teñen dono pero ninguén parece saber quen é. 
Economía francesa: Ti tes 2 vacas. Entón decláraste en folga, organizas unha revolta violenta e  cortas todas as estradas do país, porque ti o que queres son 3 vacas.
Economía neozelandesa: Ti tes 2 vacas. A da esquerda paréceche cada día máis atractiva
Capitalismo italiano: Tes dúas vacas. Unha delas é a túa nai, a outra a túa sogra, maledetto!!!
Capitalismo británico: Tes dúas vacas. As dúas están tolas.
Economía española: Ti tes 2 vacas, pero non tes nin idea de onde están. Pero como xa é venres, baixas almorzar ao bar que ten a Marca. Se cadra, xa te porás a buscalas o mércores despois da ponte de San Aniceto.
Economía galega: É o que facemos os Parentes.
(texto enviado por Anxo desde Pontevedra)