31/10/14

Lobelle e Miranda de Ebro

Foto dos castiñeiros da Marta do Gil en Lobelle, antigos e produtores de moita castaña sabedeira. 
E foto que nos mandan os parentes Paulo/Laura desde a Castilla do outro lado do lado de alá, Miranda de Ebro: que ben vestidiñas están as árbores!


30/10/14

Trebello e solpor

Din que vai mudar o tempo, pero segundo a foto "rubio para Useira, vellos á raxeira", así que non se venta moita mudanza.
Saben para que é este aparello? pois para o podólogo das nosas vacas, teñen que ter as uñas moi coidadiñas para non pillaren infeccións


28/10/14

Unha de Vales bailando flamenco: Sabela Hermida

Sabela Hermida aínda que naceu en Vigo é filla do Modesto de Vales e bisobriña da Señora Pura do Neiro, e que ben baila flamenco, e que ben fala o galego... Aquí podemos vela. No minuto 20 hai unha interpretación de García Lorca preciosa.

27/10/14

Feira en Penasillás

Di o Manolo do Tío Bernardo que o día 2 se fai feira en Penasillás, que se come moi ben a carne e o polbo. E como un conto leva noutro tamén falou do Señorío de Cartelos e arrematou cun refrán:
Señores de moitos lugares nin boas ceas nin bos xantares (porque non paran e andan de aquí para alá)

18/10/14

As San Lucas

Hoxe é a romaría das San Lucas, con moita sona aquí onda nós, dicíase que había algún borracho que outro porque xa se probaba o viño novo da ribeira chantadina.
Xa hai anos que un grupo de mozos saíron de Trasar para alá sen saber ben o camiño e guiándose polas bombas.. hoxe algúns deles xa se xubilaron. Quen si sabía ben o camiño era o Gumersindiño que un ano ... de pronto desaparecera o rapaz ... todos a buscalo e el arrincara pola estrada camiño de Esmoriz e Vilaguillulfe

16/10/14

Cornello e corner

O noso curmán maior, Don Benigno, (será como ten o Miguel en Escocia) anda a reparar nas palabras e viu que esquina case se di o mesmo onda nós ca en inglés: cornello (nós) e corner (eles). Pois vaia coincidencia, será por iso que se lle dá tan ben o inglés ao Miguel? Será porque as dúas palabras teñen a base no latín cornu?

13/10/14

O Pazo de Cartelos na TVG

O día das Pilares a TVG emitiu un programa, Que casas! e nel saíu o Pazo de Cartelos. Que ben explicadiño todo polo noso amigo Constantino González, hoxe quen máis sabe no mundo sobre o pazo. E non o compra, que o herda, xa seu pai, O Carteiro de Trasar, sabía ben cousas de Cartelos.

09/10/14

O xabarín

A primeira vista alguén pode pensar que son moreas de terra provocadas por unha toupa (tiopa onda nós). Pois non, todo isto é obra do porco bravo nunha noite

05/10/14

O Xosé, padriño da Triana e a Festa do año

Despois dunha semana de duro traballo hoxe domingo é día para festas. O Xosé e a Marta no bautizo da TrianaOutros na festa do Rosario Cas Luz en San Mamede
E no pallar da Casa de Baixo convidou a familia marroquí que vive en Trasar á súa Festa do año. Foi un pracer compartir con eles este día tan importante na súa cultura. Na foto ben se ve como disfruta a Sara:


03/10/14

Meteorito no Incio

Pono La Voz de Galicia (ver). O caso é que Álvaro Pereiro é o escultor que tallou o busto do noso tío Anxo o cura do Incio. Alá por onde ande o seu espírito ha estar dicindo: iste rapaz si que entende de pedras

01/10/14

Abel

Grazas ao traballo do grande maquinista Abel a ensila vai caendo

Xogando no móbil

Mentres rematamos a ensila Espe Gesteira e Anxo González mándannos esta aplicación-xogo para móbil-tableta. Pode descargala aquí ou co móbil no qr da imaxe