25/08/13

Retoños de castiñeiro

Seica os retoños de castiñeiro se se cortan na lúa chea de agosto non volven, imos ver

24/08/13

Belesar, o orgullo de España

Iso é o que di no novo libro Alfonso Eiré, aquí queda a reportaxe de Televinte da presentación, pero o mellor é achegarse a unha libraría de Chantada e mercar o libro

21/08/13

Saúdos para a Cervela: Sra. Mercedes, Toño ...

Esta fin de semana que vén é a Santa Lucía na Cervela (coincide coas nosas festas de Chantada), cos famosos danzantes ... como se pode ver na foto do Moncho de Fidalgo de hai ben anos (o cura de sotana negra é o noso tío Pepe)

19/08/13

Xantar dos curmáns González no Río Búbal

Xuntanza anual presidida polo Curmán Maior, Don Benigno, que coa axuda dos Vicecurmáns, Don Bernardino e Don Elías, organizaron todo moi ben. O mellor a presenza dos tres padriños: Manolo, Lina e Pilar. O discurso do Curmán, un discursazo! Todo moi ben. 

15/08/13

Vacacións

Rematada a herba, agora toca vacacións, en quendas de 8 días polo menos. 
Boa colleita de herba seca, por certo, como mil bolos fixemos e recollida en boa sazón. Agora a repartila para todo o ano e así aforrar de mercar palla. Os Técnicos din que temos que producir moita forraxe para aforrar en penso e así producir o leite máis barato e facer rendible o noso traballo.
O Xan empezou o lecer e na ribeira atopou esta camisa de cobra ... debía ser un bo bicho
 

14/08/13

Pilar e Maricarmen en Quindous



Adiviña: igrexiña pequeniña, sacristán revolvedor e os santiños todos darredor (Resposta: ACOB A)
Pois esta igrexa pequeniña é da de Quindous onde estivo de cura o noso tío Anxo e alí foron foron elas e de paso viron os Ancares

12/08/13

Fotos da cea do San Lourenzo (Bernardino)










Rematou o San Lourenzo de Cartelos

E rematou da mellor maneira. Entre o JOSÉ MANUEL (Casa do Viorteiro) e o SUSO (Casa do Curveirés) argallaron unha cea e xuntáronse máis de 80 persoas. Moita xente nova, música, baile, alegría, conto vai e conto vén... unha pasada. Agradecemos o traballo da María, a Ana, o Antonio (e o Suso e José Manuel, claro) e todos os que axudaron en algo. Os Parentes estivemos todos os que puidemos. O Xan chegou tarde porque paría unha vaca, que estas non entenden de festas, pero foi moi ben atendido nada máis entrar. Houbo baile ata pouco antes de empezar a munguir de novo as vacas. Todo o mundo marchou contento e pedindo que se volva facer para o ano que vén.
Agora tamén queren botar a andar unha asociación de veciños, pois veña!!!

11/08/13

A peneda Cabezuda

O Paco do Guerra fixo de guïa para ver a Peneda Cabezuda, impresionanate!!! Se nos fixamos na parte dereita veremos o perfil dunha cabeza humana. Di Pilar Guerra que foi unha moura que viña fiando na roca e pousou alí o que tiña na cabeza.
Moi cerca tamén o Paco ensinou a Pedra da Marrá onde xogou moito de rapaz, unha peneda cortada que se mete un polo medio
E se lle damos a volta á imaxe:

09/08/13

San Lourenzo en Cartelos

Mañá é a festa do patrón en Cartelos, o San Lourenzo. Cando eramos nenos xa se sabía o día antes porque viñan os carniceiros polo lugar. Diante da casa do Arrieiro en Trasar o Cazolo mataba un becerro e os veciños surtíanse levando sempre algo de contrapeso. Pero os tempos cambiaron e mesmo agora na Casa de Baixo xa se come no que era a corte das vacas. Se esperta a Mamaencarnación -a nosa bisavoa-, diola teña na súa gloria, non o cre.

07/08/13

Parada técnica na herba seca

Falta algunha nos Candeiros de Sillán, paramos por tempo revolto, pero non nos aburrimos, sempre temos que facer. Esta peneda é na Cavada no Barrio de Puga.

06/08/13

Un rapaz ben listo

Aquí en Chantada temos a posibilidade de estudar ben e con calidade no ensino público. Como o demostra este rapaz que levou a mellor nota de Galicia. Parabéns para el e súa familia e profesores.
Grazas tamén a TELEVINTE que xa volveu de vacacións e podemos ver os seus vídeos

02/08/13

Arrieiros somos

O noso bisavó Ánxel era arrieiro de Trasar. Así que Arrieiros somos os seus descendentes. Di o Manolo do Tío Bernardo dos Arrieiros, xente pándega e nugallaos coma as cobras. Aquí temos unha cantiga sobre os arrieiros todos:
Arrieiros non son homes,
arrieiros homes son,
teño un amor arrieiro
cravado no corazón.

A vida do arrieiro
non hai vida coma ela,
a semana no carreto
e o domingo na taberna

01/08/13

Comer pito da casa ou pollo rural

Aquí en Carballedo a comida das festas era o pito (da casa, ninguén mercaba pito), se non había pito en moitas casas non era festa. Era comida tamén de curas, que o noso tío Benigno chegou aos 105 xantando pito todos os días soltos e festas de gardar e mesmo aproveitaba ese ósiño afiado que hai no zanco para escarvadentes (exemplo de reciclaxe). O caso é que hoxe nun supermercado famoso anunciaban como oferta "pollo rural". Nin se nos ocorre mercalo, que temos os nosos pitos caseiros, ben mellores seguro que o tal "pollo rural" que debe ser un polo señorito que pasou as vacacións "en el rural"