28/02/11

Os Parentes producen leite de calidade

Onte falaban na TVG das células somáticas (máis información do que son aquí) e da cantidade permitida. Dicían que a UE non permite máis de 400.000/ml. A media nos Parentes é de 150.000/ml. Unha boa calidade de leite en canto a contido de células somaticas está por debaixo de 200.000/ml, a partir desta cifra a calidade do leite é menor, o que non quer decir que non se poida comercializar. O prezo que percibe o gandeiro varia en función da calidade.
Somos dos mellores, e os datos son reais, estamos no da letra Q, leite certificado, cumprimos todas as esixencias habidas e por haber. ... E estamos pensando en mellorar...

27/02/11

As feiras

O Xan de Baixo, empadescanse, tiña alá polos anos 70 unha vaca do país, a Cireixa, que daba xenio vela. Estaba tan orgulloso con ela que a levou varias veces á feira de Chantada, máis para ensinala que para vendela. Lembramos o detalle cando vimos outro interesante capítulo do Ben Falado, o da lingua nas feiras. Tamén moitos rapaces do noso tempo lembran moi ben a primeira vez que foron a unha feira, que sería a primeira vez que se viron diante dun prato de polbo.
Moitos anos antes o Xan tivera outra boa vaca, A Gouxa, chamada así por ser comprada nesa feira

Caras coñecidas

SE vostede mira nesta ligazón verá algunhas caras coñecidas ou non, depende

19/02/11

O atador de Cas de Pedro

O atador de Cas de Pedro tamén é parente dos Parentes. O seu sogro, empacestea, sempre nos trataba tamén de parentes. Hoxe La Voz de Galicia dedícalle toda unha longa noticia. E máis que merecía. Poden vela aquí. A foto tamén é da Voz

A Lucía gañou!

Falabamos o outro día da Lucía do Incio e vai e gaña a final para ir á Eurovisión. A primeira galega, a primeira de Lugo, a primeira do Incio... e tamén será a primeira en gañar o festival... ou non?

12/02/11

Nomes das vacas no Ben Falado de Xesús Ferro

No programa do pasado luns día sete de febreiro Pedro Benavente falou dos nomes das vacas e saíron varios dos que teñen as nosas. Estivo moi interesante, polo que pode verse nesta ligazón

11/02/11

A Lucía do Incio


Sendo de Lugo coma nós, sendo do Incio, terra moi querida para Os Parentes e cantando tan ben como canta... está claro que Lucía debía pasar hoxe á final do concurso

09/02/11

Valados

Pasan os anos e cambian os tempos, pero non cambia a mentalidade da xente. Na foto podemos ver un "valado" recén feito de xeito que non pasa un tractor. Pouco melloramos deste xeito, nin novas tecnoloxías nin Europa, mentres non mudemos o xeito de traballar non imos a ningún lado. NON PODEMOS FELICITAR AOS AUTORES, mágoa.

06/02/11

Todos a Alemania, menos o Paco do Guerra

Entre novembro de 2009 e novembro de 2010 o leite subiu en España 1 céntimo, en Dinamarca 6.5 céntimos e en Alemania 9 céntimos. Vaia diferenza!!! E el haberá que levar as vacas a Alemania como antes ían os labradores de aquí traballar alá?

Tamén sae hoxe nos diarios que hai en Galicia 13.050 granxas dedicadas a leite, delas 5.163 en Lugo. Se os prezos seguen así aínda van baixar ben os números.
Pero o Guerra do Barrio xa está preparándose para a crise. Como ten a ribeira en San Fiz (o mellorciño da Ribeira Sacra) anda a preparar na adega coa axuda do Xan e do Xosé. Así cando se subile xa ten en que pasar o tempo

01/02/11

Os machos e as mulas

Agora a xente nova xa non sabe que é unha besta, unha mula, un macho, un burro. É normal. Por iso nos pregunta un mozo se é o mesmo unha mula ca unha besta. Os devanceiros dos Parentes foron arrieiros, eses que andaban cunha reata (bestas atadas en ringleira) levando cousas dun sitio a outro.
O Manolo do Tío Bernardo está recuperando dunha operación pero tivo tempo para nos contar toda esta información:
Nas nosas casas había unha besta (o mesmo ca egua, aínda que besta tamén é calquera animal de carga) ou un cabalo para ir á ribeira, ao muíño, ás festas. Outros vecinos tiñan un burro ou asno (femia:  burra/asna) para axudar na casa.
Seica o macho e a mula (a femia do macho) son cruzamento entre unha besta (egua) e un burro. O macho é estéril e a mula semi-estéril (di na Wikipedia que moi raramente pode ter un burriño (pai burro) ou un poldro (pai cabalo). O macho e a mula son moi duros e xeitosos para traballar aínda que teñen sona de seren algo teimudos. Sempre valeron máis as femias, as mulas. O Manolo sendo novo levou unha besta da Casa de Baixo a Chantada (levouna tres veces porque o celo era de 9/10 días) ao burro pero non empreñou e perdéronse os cartos da parada. Seica cando o burro collía a besta, dicía o Mestre ferrador: que sea mula (porque valían máis).
Neses tempos as mulas valían moitísimo, case tanto coma unha propiedade. O Grande da Corveira chegou a vender unha en 40.000 pts. E o Paco do Penete outra en 23.000 e tivo que lle dar ás agachadas 1.000 ao chalán (un intermediario do país do que se fiaban os tratantes casteláns). Da feira de Santos de Monterroso marchaban camións de mulas. Aquí mercábanse en outubro con 5/6 meses e vendíanse ao ano seguinte en outubro/novembro, eran as mulas quincenas. Dicía o tratante castelán: la mula es quincena?
Cando o cruzamento é entre unha burra e un cabalo o híbrido chámase mula burreña ou besta burreña. Como é máis difícil conseguir o cruzamento e son menos resistentes e forzudos cós machos e mulas, os burreños sempre foron escasos. Tamén son estériles. Tiñan menos valor, cando se vía unha mula ruín dicíase: esta é unha mula burreña.
Cando empezaron a chegar os tractores a Castilla de repente as mulas deixaron de valer. Seica un ano mercou o Grande da Corveira dúas muliñas aínda mamando na besta por 22.500 pts e cando as vendeu ao ano seguinte perdeu 7.500 pts. Acabara o negocio das mulas.
E tamén os calotes… que daquela unha vez chegou un tratante castellano e contratou a un da terra de axudante a xornal para tratar mulas. Por onde ía mercábaas todas polo prezo que lle pedirán. Menos o tío Manuel de Trasar de Sabugueiro que algo lle cheirou e só lle dicía: váiaseme de aí. O día en que quedaran en sacalas todas á Barrela, ao pasar polo Piñeiro o castellano díxolle ao paisano axudante que tiña que ir facer unha necesidade… e aínda hoxe non volveu. Quedaron as mulas sen vender, o paisano non cobrou, nin o do bar da Barrela que o aloxara, nin… sempre houbo xente con moito conto.
Este tío/pai Manolo sabe moitos contos de antes. Algúns xa non parecen certos para os novos. Di que estando el nun velorio en San Mamede contoulle un amigo do seu tempo o que lle escoitou comentar ao neto falando con outro rapaz: o abuelo moitas mentiras conta


Arriba unha mula e abaixo unha mula burreña (fotos da Wikipedia)