31/10/11

Día dos magostos

Agora á xente dálle por celebrar a americanda esa do Halloween ou recuperar a máis nosa do Samaín. Aquí onda nós o día 1 era o día dos magostos. E o día de visitar o camposanto o día 2. Pero os mundos cambian. O outro día entramos nun supermercado e estrañounos ver este expositor con candeas e velas a pilas para os nichos... e pensamos nós... e que vai compar unha vela a pilas... pois hoxe pasamos polo mesmo sitio e da morica de velas a pilas xa só quedaba unha.
Así que a ver se mañá gobernamos un magostiño aínda que sexa con viño vello, que o deste ano aínda está algo verde e anda entre os 10 e 11 graos.
 

30/10/11

Nabos

Algúns nabos naceron, estes da foto son do eido dun veciño, agora só teñen nabizas, logo virán os grelos e a carola 

28/10/11

Visuña e o tío Bernardino

Lemos hoxe na Voz de Galicia (ver noticia) algo sobre as minas de Visuña no Courel. E acordámonos do noso tío Bernardino González Lamas (nado en 1906, + en 1938). Foi o cura de Visuña, e tamén debía levar o fermoso lugar de Ferramoulín (a peor parroquia da diócese de Lugo, segundo o tío Anxo do Incio.) Enfermou alá e foino buscar seu irmán José (o noso avó), a quen lle cobraron dous pesos desde a Estación de San Clodio polo axudar a ir alá. Nestas montañas cando lle facían ovos, untábanllos con graxa por enriba. Logo foi para Castro Caldelas porque concursou por Ourense e acompañouno a irmá Estrella. Despois foi operado en Vigo e sacáronlle un riñón, pero non foi nada porque tiña “tuberculosis á sangre”, só durou dous anos.

27/10/11

O can, o gato, o rato

Disque o can se leva sempre mal co gata, disque o gato sempre que pode papa o rato... pois neste vídeo que pillamos da rede non hai tal cousa. Pois se os bechos se poden levar tan ben aínda sendo ben distintos, por que non pasará o mesmo coas xentes?

22/10/11

Castañazo

Vén aí o castañazo de Cahantada e o grupo de amigos da Carmen montaron este vídeo  tan xeitoso coa figura dunha duquesa que todos coñecen. Moi divertido

19/10/11

Pisón

Andamos laboreando a terra, facemos mioto po, pero imos preparándonos para a chegada do inverno. Este aparello é un pisón deseñado polo Carlos en Lugo. Leva dentro uns 3.000 kg de auga. E ben cómpre tal e como está o chan de seco.
 

17/10/11

Lume, lume

Arde por todos os lados, só vemos fume estes días, a ver se As San Lucas deixan unha pouca de choiva, prevista non está, pero pode ser un milagre
 

15/10/11

Comida para os porcos

Este ano di o Xan que van saír moi ricos os chourizos da Casa de Baixo porque os porcos van comer ben. Seica a remolacha a papan que dá gusto. Pero non se pode abusar dela porque a señora Luísa de Padroso como tiña tanta remolacha e a comían ben ... pois resultou que os porcos eran moi februdos e os chourizos logo non tiñan moita gracia... e achacáronllo á remolacha. O bo de cebar porcos é que comen de todo e nas casas sempre hai sobras... que van á caldeira dos porcos se non valen para o can ou o gato.Todo isto xunto chámase "lavaduras" e xa di o refrán "en que pensas porco? -nas lavaduras"
Por iso hai xente que, con toda a boa intención, cando lle insisten coa comida a alguén doutra casa lle din: come burriño, que total vai para os porcos.

14/10/11

Eloy Varela, da Barrela

Eloy Varela criouse na Barrela onde estaba destinado o seu pai. Agora vive en Pontevedra ensinando matemáticas en Marín. Pero tamén fai películas, desas que duran pouco. Xa ten dúas. Poden velas, merecen a pena moito máis que a maioría dos programas de televisión (menos o Padre Casares e o Matalobos). Poden velas aquí.

Se dispoñen de 20 minutos miren esta señora que papelón fai:

Dúas letras from evarela on Vimeo.

13/10/11

De raios e augas

Segue a seca tan longa deste ano. Hai que buscar auga debaixo das pedras. E a que non saben quen nos pode axudar a facer de zahorís? Pois as tronadas. Parece curioso pero tamén os raios son zahorís, buscan sempre conexión con vetas de auga soterradas; cando vexa unha árbore queimada dunha chispa pense que debaixo é fácil que estea un manancial.
(os consellos do zahorí dos Parentes)

12/10/11

Empranganado, mandil e mandileta

Acordounos esta palabra, empranganado, que dicía moito a consogra da Pilar, empacestea a Pastora. Dise estar empranganado por estar atascado nunha cousa, que non se dá saído diso. No noso dicionario non demos atopado a palabra, igual era que non miramos ben.
E seguindo coas palabras a Mamacarmen sempre tivo mandil e mandileta.
Mandil: prenda que utilizaba para se cubrir da chuvia e do frío, que cubría as costas e a cabeza
Mandileta: prenda que ataba á cintura para protexer a roupa mentres traballaba (o que o dicionario di que é un mandil)
Son xeitos de falar o galego por aquí onda nós. Se alguén pode engadir algo, que faga un comentario e aprendemos todos.

09/10/11

San Froilán

Festas en Lugo, o San Froilán. Polbo nas casetas e visita a Pelúdez e a señora Filomena

Festa da Pilar

Pois como cadra no medio da semana o día do Pilar adiantouse a festa ao sábado. Fixo a Pilar un cocidiño e gobernou un pito, todo moi rico. Rodeada da familia. E tamén unha festa internacional porque estiveron unhas mozas e un mozo daneses que están de intercambio en Chantada e viñeron acompañando a Helena. Desde a páxina dos parentes felicidades para a Pilar e saúdos para os daneses e as súas familias. A foto do Bernardino deixa memoria do asunto.

08/10/11

Nabo

Pregúntanos don Xesús Ferro, que debe ser o home máis ben falado de Galicia, polo cultivo dos nabos. Velaí vai o que sabemos.
Cando nós eramos nenos,os nabos sementábanse a finais de agosto na terra que fora de patacas e tamén nas nabeiras (nabeiras son os eidos mellores para botar o millo e patacas, leiras os eidos peores para botar o pan) que tiñan millo antes de recollelo e no medio da ferraia (centeo verde), nacían coas primeiras choivas e recollíanse segundo cumprían para cebar os porcos, e tamén en caso de necesidade para as vacas; a estas cando estaban paridas cocíaselles un pouco de nabos con fariña.
Alá por Taboada, na terra da avoa Servanda,  tiñan moito coidado da lúa e a choiva, nos días San Lourenzo (10 de agosto).  Alí tiñan sitios chamados da podrea; era un eido no que só se botaban nabos e tíñase a terra preparada e estercada todo o ano. Desa podrea saían os mellores nabos.
Din os entendidos que o nabo se sementa na lúa chea de agosto, para que non se saian pronto. Ó arrefriar o tempo é cando se saen os nabos. Máis que o mes concreto depende do tempo que veña.
Transplántase algúns nabos e soben para arriba, é a nabiña: cando bota a flor e despois bota a semente. Poñíaselles uns paus para facer como un palleiro que a protexese dos paxaros. Dicía un señor de Trasar que ás veces cando había unha muller parida e non se topaba verdura mesmo se lle botaba man ás pequeniñas nabizas da nabiña.
Recordamos nós que en tempo de nevadas grandes (toradas), íase por nabos para a ceba e tiñamos que sacalos de debaixo da neve. Ós porcos cocíaselles nun pote grande cada dous ou tres días, a carola do nabo un pouco picada.
Non temos moita idea de darlle as nabizas ás vacas, pero supoñemos que ó non ter nada de verde en pleno inverno botaríase man ás nabizas para complementar a herba seca e a palla que eran o alimento básico cando non podían saír ó monte. Con este tipo de alimentación as vacas producían menos leite pero máis rico en graxa, ideal para facer queixo. Na primavera como xa tiñan pastos e ferraia aumentaba a produción e baixaba a calidade do leite.
A nabiza é a rama que bota o nabo, os grelos saen no medio das nabizas antes de saírse (floración) xa pasando o inverno e tirando á primavera. Aquí eran moi apreciadas para o caldo, dise que o mellor caldo é o da nabiza. Hoxe moita xente ao vender fai pasar a nabiza por grelo, colléndoas pequenas e cortadas. Os grelos tamén saben ben no cocido, con lacón, con chourizos. Non se poden confundir os grelos (do nabo) coas grelas (da col, das verzas que se saen).
Coas carolas facíanse carrelos para xogar os rapaces nas noitiñas en que no inverno non había que facer.
Tamén se di que os que sobran fan grande esterco e para ben ten que estar xa o nabo na flor, que xa se pasase o grelo. Antes había xente que collía a flor e cando secaba vendíana nas feiras para semente.
Da colza por aquí non temos noticias, nunca a sementamos que se saiba.
a maior potencia nabal está en Lugo
Dise que nabo, nabiza y grelo, tres personas distintas y un solo dios verdadero.
Agosto nubrado, nabo furado, tamén se di.
Ollo que a semente do nabo e a da col son case iguais e moitas veces se teñen confundido se non se marcan. Este ano vai haber moi pouco nabo porque non choveu no tempo e naceron poucos. Aínda que nazan agora xa é tarde e a nabiza ha vir xa con moito frío.
Tamén nos acorda que antes se vía xente maior co papo moi grande e disque era o bocio e que comer demasiadas nabizas que non axuda a mellorar. Pero nós non somos médicos, nin tampouco veterinarios. Só somos xente do  campo.
Abur, don Xesús!
(foto de nabizas no murteiro da Pilar ben comidas polos paxaros)

04/10/11

Unha sebe tres anos

Unha sebe 3 anos
Un can tres sebes
Unha besta tres cans
Un home tres bestas
Un corvo tres homes
Iso nos dicían antes aos pequenos para que aprenderamos a duración dos animais... aínda que no caso dos corvos é ben esaxerado.
Algo parecido nos manda a Ana María:
O primeiro día Deus criou a vaca e díxolle: terás unha vida dura, traballarás para o labrego, tirarás do carro, deixarás que che saquen todo o leite que deas… e vivirás 60 anos. A vaca respondeu: señor para esa vida chéganme 20 anos , queda cos outros 40.
O segundo día Deus criou o mono e díxolle: terás que vivir pendurado das árbores, divertirás aos homes facendo toda clase de parvadas e poñendo todo tipo de caras e vivirás 20 anos. O mono respondeu: grazas Señor, para esa vida chéganme 10 anos, regáloche os outros 10.
Ao terceiro día Deus criou o can e díxolle: terás que botar a vida sentado diante da porta do home e ladraraslle o todo o que se achegue molestando a todos os que están arredor … e vivirás 20 anos. O can respondeu: grazas señor, pero para levar esa vida chéganme ben 10 anos, eu fago coma o mono, podes quedar cos outros 10.
Ao cuarto e último día Deus criou o home e díxolle: ti non traballarás, vivirás ben, comendo, durmindo, viaxando, vivindo sen facer nada. E concédoche 20 anos de vida. E o home contestou: Señor, 20 anos de tan boa vida é moi pouco, non me chega a nada. Como che sobraron 40 anos da vaca, 10 do mono e dez do can, damos todos a min. Así con 80 anos xa merece a pena.
E Deus concedeullo:
E por iso o home pasa os primeiros 20 anos sen facer nada realmente, vivindo dos demais, sen traballar. Logo bota 40 traballando coma un animal, como unha vaca. Logo bota 10 facendo monadas para divertir os netos. E finalmente pasa os últimos 10 sentado diante da casa dándolle a lata aos que se lle achegan.

01/10/11

Dinamarca e Chantada

Hai xa uns cantos anos que a cooperativa CHATACA (ICOS) organizou unha viaxe de traballo a Dinamarca. Un grupo de persoas apuntáranse: e ben que aproveitaron aquela viaxe, aínda hoxe a Pilar de Baixo ten moito que contar do mundo que viu. E agora a súa neta, a Helena, acolle de intercambio unha rapaza chegada de Dinamarca, nun intercambio que hoxe recolle La Voz de Galicia.