28/09/12

Ensila 2012

Empezamos a ensilar millo, un pouco polo máis curado. A ensila forte inda queda para despois das vendimas. O Guerra di que se non vén invernía o viño ben pode agardar alá ata o 6 ou 7.
E mañá é o San Miguel. Saúdos para o Miguel que anda por Londres e para os amigos de Buciños que están de festa.
 

25/09/12

O Carrabouxo

Algúns amigos que non son de Ourense e non len La Región botan de menos o Carrabouxo e pregúntannos onde velo. Pois aquí teñen todos os Carrabouxos na súa web

21/09/12

Vaca con sombreiro

Foi un dia de moita calor, a vaca atopábase "indispuesta" e tivemos que improvisarlle un sombreiro para a cabeza, neste tempo o sol vén moi baixo e fai moito dano.
 

18/09/12

Se as vacas falaran

Hoxe ás 22:25 na TVG hai un novo programa: Se as vacas falaran. Parece interesante. Miraremos o primeiro capítulo e logo porémolo para unhas poucas vacas a ver que lles parece. Se lles gusta moito, o informático dos Parentes porá unhas pantallas para que todas o poidan ver, iso si ... sen que afecte ás horas de munxir que son sagradas.

12/09/12

Aramios de millo

Nunha das imaxes pode verse o burato que fixo a larva no pé do millo, na outra os efectos sobre a planta murcha. Máis información sobre o aramio do millo


Aramios do millo e cantos relixiosos

Non todo vai ser traballar, o Xan perdeu horas a investigar a ver por que se estragaban algúns pés do millo, ata que lle dixeron que todo era culpa do aramio do millo (alambre del maíz), unha larva que tamén quere comer millo. Pois buscando pola Internet aqueles cantos que botaban na Schola Cantorum deu con esta versión do Pange Lingua dunhas Mocedades todos ben noviños. Quen tamén foron bos cantores nesa coral do Seminario de Lugo eran o Curmán Maior Benigno e o seu irmán Sindo.

09/09/12

Un bo bacalhau con tinto maduro

No Soño do Padriño en Viana do Castelo boas talladas e ben desalgadas. Ao final de agasallo para as mulleres servilletas ben bonitas. O Xan aproveita as vacacións.

Do Faro ao San Pegerto: sendeirismo

Pois si, onte falabamos das Festas do Faro (onte) e o San Pegerto (hoxe), pois tamén  houbo quen fixo unha ruta desas de andar e podemos consultala na Internet

08/09/12

A Nosa Señora do Faro, santa querida

Hoxe é o Faro, o día da  romaxe no monte que preside a nosa paisaxe. Xa sabemos que hai moitas Nosas Señoras por Galicia adiante: a da Franqueira, a de Amil, a dos Milagres... seica todas moi avogosas e hai quen di que son todas elas veñen sendo irmás e que se puxeron nos altos para así podérense ver unhas ás outras. Pero aquí por onda nós a primeiriña de todas é a do Faro, a máis avogosa, especialista en calquera cousa que se lle pida; por iso hai tanta xente ofrecida, por iso houbo hai centos de anos un poeta de Riqueixo chamado Xohan que lle escribiu unhas cantigas que agora están gravadas en pedras arredor da ermida. Cando eramos pequenos na Casa de Baixo aparellábase a besta e veña para o Faro. Este verán xa collemos herba do Vicente no Faro e moitos xa foron andando ou en coche facerlle unha visita. A ver se así a santa querida consigue que suban os prezos do leite ou baixen os dos pensos e os combustibles, que a cousa non anda nada ben, non nos viña nada mal un milagriño dela.
Tamén antes moitos romeiros xa seguían para Buciños que mañá é o San Pegerto, outro santo do que temos falado aquí. Felicidades para todos os Pegertos e Pegertiños da zona (son moitos) e tamén para os que non son da zona (coma o de Bueu)
Ahh... e tamén é hoxe a Encina, saúdos para os amigos de Ponferrada

06/09/12

Apañando as patacas

Con axuda dos cativos arrincamos as patacas, moita calor e colleita normal. Xantamos bacallau con patacas, antes seica o día da arrinca comíanse "patacas arregladas" que traía a muller de casa á leira, nunha pota grande encima dunha rolla na cabeza; non é fácil de imaxinar agora que non se ve a ninguén con cousas na cabeza, os feixes de verzas, o cesto da roupa, o balde da auga ...

03/09/12

No Incio

Onte domingo foi ao Incio unha representación dos Parentes. A Pilar e MªCarmen e o Anxo. Estiveron vendo a feira, saudaron a súa amiga a alcaldesa Laura Celeiro, probaron o porco celta. Logo visitaron o busto do noso tío ANXO, o Zoqueiro cortou unha flor e lembrou algunhas anécdotas do cura. Tamén estaba alí unha boa amiga del, a escritora Marica Campo e súa irmá, que son de alí, do Val do Mao. Vamos, día de lembranza da memoria do cura. Como dixo un señor ao saber que eran parentes de don Angel: foi o mellor home que houbo aquí.

02/09/12