31/10/13

Día de sementeira e máquinas

Andamos a sementar a herba, que hoxe estivo bo día. Tamén houbo que ir á Barrela ver máquinas e apeiros novos

24/10/13

Nabos

1.-Pregunta o noso amigo Xesús Ferro se sabemos que quere dicir este refrán: “Polo tempo de tódolos Santos mira os nabos; se fosen bos, di que son malos”. Algún dos nosos lectores sabe algo? Pode poñelo nun comentario ou envialo a:  parentes@osparentes.eu

2.- Nós propoñemos isto: por tódolos Santos é pronto para que os nabos estean moi medrados, logo sáense antes e tamén aguantan peor as nevadas se teñen moita nabiza

3.- Don Xesús Ferro: A explicación dese refrán dos nabos, totalmente lóxica, xa chegou de Trasar a Varsovia. Alí hai universitarios polacos que estudan galego e nestes días de Santos chamóulle-la atención ese refrán. Non deixa de ser emocionante ver como a Universidade de Varsovia pregunta e os gandeiros e labregos de Trasar responden con información exacta.

23/10/13

Máis ditos do Manolo

As cepas están plantadas nos sitios baixos, as cabras tenden a andar polos sitios altos e gústalles comer as follas tenras das cepas. Da pel das cabras fanse os pelellos nos que antes se transportaba o viño. Todo isto hai que sabelo para entender o dito do Manolo:
Díxolle a cepa á cabra: de alto me miras, comer me querías, de ti sairá quen me a min levará.
E mandounos corrixir o dito do outro día que o tiñamos mal: viño a arder, cubas a facer (porque cando vai calor no verán haberá que facer máis cubas porque non collerá)

20/10/13

Vicente Diéguez Simon e Álvaro Pereiro

O noso amigo Vicente (e parente Simón) de Chantada protagoniza unha páxina da Voz De Galicia con fotos e entrevistas. Fala de como aforrar un 65% no combustible da calefacción e el sabe ben diso que ten moita experiencia e traballo. E non sae só na Voz de Lemos, que acabamos de velo nun bar en Pontevedra. Así que xa saben, vén aí o inverno e se queren aforrar vaian por onda o Vicente e serán ben atendidos.

Tamén vén na Voz de aquí unha reportaxe sobre o escultor do Incio Álvaro Pereiro, a quen temos especial agarimo nos Parentes por ser o autor do busto do noso tío Anxo no adro da igrexa do Hospital do Incio.

15/10/13

Refráns do Manolo

Viño a arder cubas a facer (cando vai moita calor no verán haberá moito viño e cumprirán cubas novas), o outono ou seca fontes ou leva pontes ... son as cousas do Manolo do Tío Bernardo, que vai recuperando ben despois doutro paso polo taller (como o Rei)

13/10/13

A lacoeira da vendima

Bo día de vendima onte e bo xantar, non hai máis que ver como quedou de limpo o óso da lacoeira especialidade da Pilar de Baixo

11/10/13

Ensila e vendima

Andamos rematando a ensila e traballamos na finca...
Rematando de acomodar no silo, colleita normal, despois de moitas voltas chegamos a recoller como un ano mediocre cando non se esperaba tal cousa debido á seca deste ano. 


Vendima do Tío Paco. Este ano con elevador, moito viño e saniño, moi cómoda a vendima, xa está na cuba e pronto vai ferver
 

Mallado

Pois andamos de ensila e resulta que nós chamámoslle cadabullo, outros cadullo, e hoxe un terceiro chamoulle mallado, tamén entendemos por as voltas. Total na cabeceira tes que sementar algo, para aproveitar o terreo, logo chámalle como queiras

03/10/13

Tempo de vendima

O Paulo cumpre anos o 24 de setembro e di que a vendima da Casa de Baixo é sempre o sábado máis próximo a ese día. Mais este ano o Xan non ten présa, quere que o viño vaia maduro e aínda non está polo labor, vai quedar para a Pilarica. E falando de vendimas, hoxe ábrese en Boiro unha exposición fotográfica na que figura esta do fotógrafo Bernardino González moi ben feita na ribeira de Carcacía:


01/10/13

Tres instantáneas

O Xosé Manuel vía estas cabalarías bebendo fóra mentres os cabaleiros bebían dentro (na cantina)
 



O Xan tomaba un café especial no Cantón de Chantada

O Sindo topaba este burriño de un día