28/02/12

Aparello para a cociña

Invento do Fran de Pazos. Un funil vello de encher chourizos ao revés para que non dea a volta,cun pau en forma de y e xa temos un aparello para ter conta dos toros que se meten na cociña económica. Aprovéitase moito máis a leña así ca en toletes pequenos porque non hai que partila e vaise achegando segundo cómpre. O Fran botou uns anos na Alemaña e aprendeu o alemán chapando no dicionario sempre que tiña un anaco libre. Se chega a quedar alá hoxe hoxe era máis famoso cá Merkel esa.


O Carballo do tío Vicente

O carballo do Tío Vicente é un señor carballo e está ben situado, por riba o Faro e por baixo un fermoso val que comprende dende Navego ata as Veigas, igual ao fondo chega a verse Manzaneda.

24/02/12

Número de páxinas web nas que aparecemos

Disque se se pon no Google un nome entre comiñas aparecen todas as páxinas web nas que está ese nome escrito así. Puxémonos a enredar agora e isto é o que nos saíu:
 "os parentes scg": 1.840 páxinas para o noso nome
"pilar guerra otero": 292 páxinas para a nosa escritora de frases
"arransallo": 58 páxinas para o nome do sitio onde estamos
"trasar de carballo": 30.600 páxinas para o lugar
"xesús ferro ruibal": 33.100 páxinas para o noso amigo da RAG. Mi madriña, cantas!
"rosalía de castro" 1.890.000 páxinas para a nosa escritora preferida. Di o xornal de hoxe que hai 175 anos que naceu. Que ben escribía. Coma aquela poesía que lle dedicamos ao noso Presidente e que empeza así:
Xan

Xan vai coller leña ó monte,
Xan vai a compoñer cestos,
Xan vai a poda-las viñas,
Xan vai a apaña-lo esterco,
e leva o fol ó muíño,
e trai o estrume ó cortello,
e vai á fonte por augua,
e vai á misa cos nenos,
e fái o leito i o caldo...
Xan, en fin, é un Xan compreto,
desos que a cada muller
lle conviña un polo menos.
Pero cando un busca un Xan,
casi sempre atopa un Pedro.

Pero na casa de Baixo si que hai un Xan

23/02/12

Cachucha prensada

Vén agora o tempo da santa coresma, despois do santo entroido. Tempo de coidar o santo colesterol despois dos cocidos, os lacóns, as torradas, as orellas... Mais se non é venres aínda se lle pode meter unha tafeliña de, por exemplo, cachucha prensada. Esta está feita coa receita da familia Ogando de Alongos. Tampouco hai que castigar tanto os corpos, que para iso xa está a santa Crise e a santa Deuda (disque moi avogosas para os bancos e políticos gobernantes)

17/02/12

Canto mide un adival?

O adival é a corda para atar a carga dos carros. E canto mide? Nos dicionarios galegos vellos di que en Lugo pode chegar ata as 25 brazas. A Enciclopedia Galega Universal que pode chegar ou pasar dos 30 metros. E tamén conta que seica os adivais e as serpes están moi relacionados porque se poden converter unha noutro: adival es, culebrón haste volver / o que de eiquí te ha sacar tres bicos hache dar.

16/02/12

Apóutegas

O outro día na RG falaban das apóutegas, eiquí chamámoslles póutegas, son malas de atopar, pero neste caso coa axuda de Adolfo demos con unha. Bonitas, pequenas e escondidas, antes seica eran máis fáciles de atopar e os rapaces cando ían coas vacas ao monte chupaban nelas pois seica saben parecido ao mel.

05/02/12

Adega do Xan de Baixo. 1991. Carcacía

Día de vendima do ano 1991. Chovía e houbo que agardar a que escampase na adega. O Carteiro, o Viorteiro... eran fixos sempre.

03/02/12

Xantar en Ceides

Fomos ao Muíño do Xirelo de Ceides convitados polo Pepe e a súa dona Lolita, o sitio bonito, os roxós riquísimos, e de moer nada, pero pasamos un rato agradable charlando cerca do lume que o día estaba frío.