30/09/10

Vaia mazá!



A Pilar de Baixo de Trasar ten este ano unhas mazás ben curiosas, desconformidables. Resulta que os cabazos subiron pola mazaira e velaquí os resultados

27/09/10

Patacas



Agora tocoulle ás patacas, poucas e pequenas pero con alegría xa que nos chegaron rumores dunha posible suba no prezo do leite.

25/09/10

Vendima


Pouca colleita este ano, pero boa calidade, rematamos pa xantar na bodega da Ribeiriña coma sempre. A lacoeira moi rica.

21/09/10

Visita


Tiveron visita os castiñeiros do Muiño Vello, de camiño xa atopamos algún choupín, agradecida que é a natureza, castañas inda non can, pero as mazás e uvas que atopamos de camiño estaban ricas, as uvas da parra do Demetrio.

19/09/10

Vodas de ouro do Pegerto de Fente e Carmen Valiente

Moitas xeracións de Cartelos aprendemos a ler e a escribir, a sumar e a restar... con Doña Carmen, a Maestra. Por iso hoxe que o matrimonio celebra as súas vodas de ouro redeados do agarimo da familia e amizades, Os Parentes tamén queremos felicitalos desde esta nosa ventá na internet. Que sexa por moitos anos!

17/09/10

O becho de Poio


Alba, Rodrigo, Mariló e Juan mándannos desde Poio (Pontevedra) a foto e a información.
Vimos este becho tan raro en Poio, puxémoslle 20 céntimos ao lado para apreciar o tamaño. Nós nunca tal viramos. Ensinámoslle as fotos a uns amigos e un deles respondeunos isto:
Gryllotalpa gryllotalpa é dificil de ver pero bastante abundante. Vive baixo a terra e excava galerías, coma as miñocas. É unha especie europea. Poden producir ovos resistentes en función das condicións ambientais. É normal velo en céspedes tipo gramón e tal, porque lles permite vivir no subsolo e alimentarse. Pode chegar a ser unha plaga en Andalucía para os cultivos (supoño que atacará ás raíces)

Seguen as obras


16/09/10

Obras


Empezamos as obras de acondicionamento da entrada, despois de 8 anos de funcionamente da cooperativa. Ditas obras son posibles grazas á colaboración da Deputación Provincial posto que nós non podemos asumilas sós debibo á falta de ingresos polo baixo prezo do leite

13/09/10

Ribeira do Paco

Este ano di o Xan que hai pouco viño na ribeira de Oleiros. Quen vai ter un bo viño é o Paco do Guerra do Barrio de Puga. Agora que ten unha ribeira boa en San Fiz decidiuse a mercar unha cuba de aceiro para cocer o viño. Seguro que vai ser un viñazo, vai arder nun candil.

11/09/10

Agueda

Lemos na Voz de Galicia:

A mellor preparadora de gando en Italia é de Chantada
Águeda Capón participou nun certame en Italia no que ademais quedou segunda na categoría de manexador

Ten 16 anos e acaba de gañar o primeiro premio de preparador nun concurso que vén de celebrarse en Italia. Pero non é a primeira vez que Águeda Capón Fernández, unha rapaza da parroquia chantadina de Vilauxe, destaca polas súas dotes a hora de preparar ou manexar gando. Hai un ano foi proclamada en Bruxelas mellor nova manexadora de Europa e uns meses antes gañou o campionato de manexadores da Semana Verde de Silleda.

Nesta ocasión o certame consistía en pasar unha semana cunha familia italiana axudando cos animais e manexando algúns deles. O certame tamén incluía unha categoría de manexador, na que Águeda quedou de segunda, e un concurso morfolóxico, onde as vacas da familia coa que estivo aloxada acadaron moitos premios.

Da súa viaxe a Italia sorprendeulle sobre todo o trato que os propietarios lles daban ao animais: «En Galicia temos unha relación especial con eles, mentres que en Italia son unha maneira máis de facer cartos, venos exclusivamente como un negocio».

Águeda procede dunha familia que ten unha gandería de máis de cen cabezas, e no futuro quere estudar veterinaria. O seu interese por manexar e preparar gando comezou moi cedo. Con só catro anos xa quixo participar no concurso de manexadores que se celebraba en Chantada.

Este curso comezará segundo de bachillerato e no que de vai de ano xa participou en seis concursos, a maioría deles a nivel nacional e internacional, aínda que recoñece as numerosas dificultades que xorden á hora de combinar a formación académica cos certames, xa que a maioría deles celébranse durante o inverno.

Ademais as labores de manexador e preparador tamén precisan de preparación. Así, esta rapaza de Vilaúxe forma parte do club de Xóvenes Gandeiros de Galicia, co que acude a diversos cursos de formación, a maioría en Asturias e na comunidade galega. «Formarse é moi importante, pero a práctica é tan importante como a formación, xa que é coa experiencia cando máis se controla á hora de manexar e preparar aos animais», apunta.

06/09/10

Igrexa do Incio


O 16 de agosto puxemos unha foto do busto do Tío no Hospital do Incio no que se vía o ben coidado que o Zoqueiro ten o xardín. Hoxe podemos ver o abandono do xardín da igrexa do Incio, na capital, menos mal que un par de asnos axudan a limpar pacendo...

03/09/10

Millaia


Esta "millaca" foi localizada entre o millo na Lobagueira, especie invasora que arruína a colleita de millo. Na leira onde foi localizada estaba invadida de herba que chamamos millaia, nos arredores atopamos restos de pelo humano que o propietario puxo como repelente para o xabaril. Despois de cambiar impresións e comentar a falta de choiva que está a deixarnos sen colleita de millo este ano, asegurounos o Señor que para o ano "si dios quer" non pensa botar millo.Chagaba con unha das cousas, pero as tres son miotas, Millaia, xabarín e sequií.Claro que o problema e que se deixamos de laborear a terra madra o número de animais salvaxes e tamén a posibilidade de incendios. Mal arrego ten o asunto