29/12/11

O invento da Tita

Sempre a Tita tivo moita arte para atar chourizos ben e axiña. Agora aínda mellorou a técnica. O Alfonso facilitoulle un sarxento (gato que usan os carpinteiros para amarrar a táboa ao banco) que lle serve para ter conta do fío e ata con tanta rapidez que o chourizo saíu movido (aínda que semella haber un plástico son efectos do movemento). A pataca que está ao lado ten un prendedor para picar a tripa e sacar as bolsas de aire.

28/12/11

Comentabamos onte que as nosas vacas están sempre coa radio posta e o ben que lles vai así. Mais ás veces pasan cousas raras, coma hoxe 28 de decembro. Resulta que na primeira munxidela da mañá detectamos unha merma de máis dun litro por vaca, cousa moi rara, moi rara. Polo que fixemos unha reunión de urxencia e chagamos á conclusión (despois de lle mirar ben os ollos ás vacas) de que todo se debeu a que onte continuamente na radio falaron de que un tal KIKO e unha tal JESSICA  romperan os seus amores e,claro, as vacas tamén teñen o seu corazonciño que estaban ilusionadas primeiro co meniño que ía vir, logo co casamento e agora nada de nada. Aínda non sabemos moi ben como solucionar o problema. Igual botándolles na ración diaria uns quilos máis de peghotín lles volve o humor (peghotín: esencia concentrada de ilecencia)

27/12/11

As vacas e a música

Xa temos contado aquí que nós sempre lles deixamos a radio posta con música ás vacas porque así están máis tranquilas e asústanse menos a calquera ruído. Temos dous ambientes. As que están producindo leite escoitan Cadena Cien. As xovencas e as secas escoitan a Radio Galega.
Para que vexan como as vacas aprecian a música vailles este vídeo de internet:

26/12/11

A figadeira na Casa de Baixo

Estes días andamos coa figadeira que é como se lle chamaba aquí á matanza pola moita lei que se lle tiña ao fígado encebolado que se comía no xantar. Fígado recén sacado e cocido de porco do ano anterior. Á noite callos. No segundo día costela guisada e frebas. O día dos chourizos zorza na pota ou na tixola con cachelos. E en todas as comidas algo de pito de curral para que fora festa.
Así que aquí onda nós o día forte é o primeiro, o da figadeira, matanza, mata, matalota... Noutros, coma alá na Cervela onde estivo moitos anos o noso tío José, o día principal é o segundo, o da parta ou sala.
Para isto da matanza hai moitos nomes. Nós facemos o chourizo e o chirimbol, chofre, boche ou lixeiro, chourizo de segunda que na Cervela eran choulán e en Sarreaus seica é chourela. O que sí é que cando son feitos na casa sempre están ricos chámense como se chamen. E agora tamén se fan salchichóns, chourizos tipo Revilla, androias, botelos, lombos adubados. Se a todo isto lle sumamos os xamóns, os lacóns, as lacoeiras, o fuciño, as patas, os riles, a lingua, as filloas, a cachucha, os sesos, as tripas, o rabo, as orellas, os dentes, o raxo, o solombo, o touciño, etc. Cantas cousas se perden os que non comen porco por motivos relixiosos, porque non lles gusta ou porque llelo tirou o médico!

23/12/11

Boas festas

Os Parentes desexámoslles unhas felices festas de Nadal e Aninovo a todos os seguidores deste blog e especialmente á familia do Pedro que está alén mar

19/12/11

A vella moto

A Moto do Sr. Cura está un pouco descoidada, pasando o inverno temos que tentar dela

11/12/11

A leña das devesas

Antes a leña era moi buscada e tiña moito valor porque supoñía ter con que quentarse no inverno e ter con que quentar o forno do pan. Por aquí quen podía tiña unha devesa que coidaba con agarimo. A mellor leña para o lume era a de carballo. Para arados e carros os bidros ou bidueiros, e tamén para algunhas partes os amieiros.
Un noso correspondente mándanos esta foto dunha aldea portuguesa alá por Bragança: ninguén que non sexa do lugar pode levar leña dos sitios colectivos; quen non o respecte será castigado.

08/12/11

O día das Conchas

Na nosa familia houbo sempre moitas Conchas. Na casa do Gil a Concha nai e a Conchita filla. Na casa do Tío Bernardo a tía Concha que foi madriña de moitos e tamén era a encargada de buscar os nomes para os meniños. E a tía Concha da casa do Guerra que veu de Arxentina, e a... Agora xa non se lle chama Concha ás nenas, nin Concepción nin Inmaculada. Menos mal que a nosa curmá menor é Inma e vai gardando o nome.

04/12/11

O Cantón, o mellor sitio para tomar algo en Chantada

Abriu o Manuel O Cantón en Chantada, un sitio agradable e ben atendido para tomar un piscolabis. Alí fixo este cafe cortado de deseño o Damián, que é todo un mestre cafeteiro.


02/12/11

Carballo singular

Este curioso carballo atopámolo de camiño da LIOBA, finca que queda entre os dous Trasares. É curioso como sae todo da mesma raíz, a natureza tamén sabe moito de enxeñería.