28/06/13

Empezamos coa herba seca

Outro ano máis cando se compón o tempo empezamos a segar a herba para secar e empacar. Empezamos polo monte de Ramos, por aquilo das rimas.
Hai unha curiosa teoría que lemos unha vez nun libro. Algo así como que a civilización empezou coa herba seca, sen ela aínda estariamos nas cavernas. O caso ten que ver cos cabalos. Cando os nosos devanceiros empezaron a cortar a herba e secala para o inverno puideron empezar a desprazarse a lugares apartados para guerrear ou cultivar campos, porque agora tiñan alimento para os cabalos en sitios ermos ou secos. E así empezou a cousa porque xa sabemos que metidos sempre na mesma cova e sen cambiar nada a cousa non avanza. Nós mesmos temos que mellorar cada ano a explotación, ver o que fan outros e aplicalo. Volvendo á herba seca, iso dicía o libro, non sabemos nós se será certo.

24/06/13

Helena e Xan

Hoxe é día de celebración na Casa de Baixo. A Helena cumpre anos e xa está feita unha guapa moza. O Xan está de santo. Felicidades para os dous que ben o merecen. Antes era costume nestes casos unhas galletiñas e unha copa de licor café da casa. Pero con isto da crise igual non tocan. Hase saber.

23/06/13

Quindous

Esta casa é de arquitectura única en Galicia. Hoxe está algo abandonada. Nos Ancares en Quindous aínda que os carteis poñen Quindós, coma se fosen  dous Quin traducidos ao castelán. Esa foi a primeira parroquia que tivo o nos tío Anxo, o que despois pousou no Incio

22/06/13

Fonmiñá onde nace o noso Miño

Uns turistas mándannos foto de Fonmiñá alá por Meira onde se di que remanece o río Miño e tamén nos contan que alí por Meira, Pastoriza tamén se ven moitas vacas, silos, prados e leiras de millo. Saúdos para os nosos amigos da Pastoriza.

21/06/13

Xubilación de Don Bernardino

En Boiro perden un bo profesor, xubílase Don Bernardino (o noso parente), como se dicía antes O Maestro, ou agora en galego O Mestre. Pero como el é da Casa de Baixo e moi mañoso ha ter ben que facer e en que pasar o tempo sen ter que empregar as tardes en botar a partida. Paseos, curiosidades, fotografía, encargos de familiares e amigos, seguro que non se vai aburrir. Desde Os Parentes desexámoslle o mellor no camiño de xubilado que abriu o Curmán Maior Don Benigno en Noia.

16/06/13

Rodas

Mentres estamos de vacacións algúns, imos tirando das reservas de comida para o gando. Na foto vemos a herba ensilada hai poucos días, tapada con rodas pa evitar que o corvo pique o plástico

08/06/13

Curioso teito

Mestura de lousado e tellado. Pouco frecuente a lousa nesta nosa zona, a foto é dunha adega de Lobelle

01/06/13