29/12/15

O de onte foi unha pegota

Si, o de onte foi unha pegota, unha broma do día dos inocentes.
O de hoxe é certo, o traballo de Velaísca (aí anda a nosa Carmen) en Chantada
 

28/12/15

Clases prácticas de sacha (28-12-15)

Levamos moitos anos vendo o programa Luar do Gayoso, o outro día Mercedes Peón comentou que lle pesaba moito non ter aprendido a sachar.
Meu dito meu feito, mandámoslle un mail ofrecéndolle a posibilidade dun curso práctico de sacha nos eidos dos Parentes. O curso consta de dúas partes en tempos diferentes:
- Sacha de murteiros, a cargo de Pilar Guerra e Lina Simón
- Sacha do millo, a cargo de Manuel González
Ao final do curso entregarase un diploma, unha sacha con mango e unha canada de leite.
Aínda que non nos pagan nada ben o leite, o curso é gratuíto, pero a comida é por conta do sachador aprendiz.
Anótense que igual poden sachar con Mercedes Peón ou outros famosos!
(inscrición nas instalacións dos Parentes en horas traballo)

A foto é dun helleborus foetidus que hai na aira do Xan. Úsase para espantar o xabarín dos eidos, non hai máis que untar a cancela de entrada con esta herba

27/12/15

Figadeira na Casa de Baixo


O Aldán (o primeiro da 13 xeración de González da Casa de Baixo) asistiu á primeira matanza do porco da súa curta vida, máis ben el o que fixo foi andar de colo en colo

25/12/15

Cea de NADAL

Tractores en Lugo, pero sen presión á distribución
Pola súa banda, o portavoz de Agromuralla, Roberto López, informou de que os gandeiros de Lugo decidiron deixar os tractores aparcados ao redor da Muralla, aínda que acordado «parar» durante estes días coas accións de presión á distribución.
Así, Roberto López explicou que os tractores seguirán aparcados «ata que se confirme» coa industria en xaneiro que esa subida da distribución chegou e aplícase a gandeiros. (La Voz de Galicia)
Así que tivemos que cear sen o noso tractor que quedou aparcado na muralla!

21/12/15

Entrampazar

Nós usamos esta palabra co significado de impedir o paso, estorbar, non deixar circular... Pero non o vemos en ningún dicionario de galego (nin no Estraviz) e tampouco no da RAE; será logo unha palabra de por aquí? será galego, que nós é o que falamos?
O caso é que os tractores seguen en Lugo ao lado da muralla pero sen entrampazar moito.

17/12/15

O tractor termando da muralla

O noso tractor segue termando da muralla de Lugo, non hai máis remedio, ademais agora os medios de comunicación non teñen interese en nós e nos nosos problemas, debe ser que non lles interesa aos grandes partidos. Semella que non é problema que acabemos pechando as nosas estabulacións!

Non é o caso de Televinte, que si informa:
 

15/12/15

Seguimos na loita polos prezos do leite

Non hai outro remedio, subíronlle os prezos ao consumidor pero nós, os produtores, seguimos na mesma de antes das protestas. Non temos outro remedio ca volver sacar os tractores, alá está o dos Parente rodeando a muralla
 

10/12/15

Tempo das filloas de sangue

Nestas matanzas fixéronse coma sempre as filloas de sangue.
Os que están lonxe grazas á receita dos Parentes tamén as poden probar.
Así foi en Medina de Pomar (Burgos). Como lle gustan moito ao Paulo a Laura mercou os ingredientes, fíxoas seguindo a nosa receita e saíronlle moi ricas. Pronto as ha probar o Aldán!

Sacar os abrigos

Pasou a fin de semana cos festivos e o tempo das figadeiras en moitas casas!
Di a Pilar de Baixo que antes pola Conceución era cando as mulleres sacaban os abrigos
E vén aí a Santa Lucía que en Cartelos había un bocado nas casas para a familia moi achegada