28/04/16

Detalle de Oleiros

Ao lado da igrexa de San Miguel de Oleiros está este detalle. A árbore semella un érbedo, coma o da famosa praza de Madrid, e os animais?
 

18/04/16

Fran Vázquez único nos tapóns

Fran Vázquez naceu no noso concello, en Saramagal (como se recolle na nosa páxina de explicación dos nomes de lugares), hoxe sae na prensa que bateu un récord, o de tapóns na Liga Endesa de baloncesto, parabéns para el. 
O noso curmán Bernardino, socio do Obradoiro, teno visto xogar en directo. E o curmán Paulo sabe moito da súa traxectoria.
Por que non está aínda Fran Vázquez nos personaxes ilustres do Concello de Carballedo? se naceu aquí e foi ao Grupo Escolar na Barrela...

Licor café


09/04/16

Os arrolincos ou arroulincos para arrolincarse

Cando eramos rapaces o Tío Manolo nas matanzas collía unha corda e facíanos uns asentos deses de voar polo aire, o que nas cidades chaman columpios. Sempre lles chamamos arrolincos (arroulincos?) e á acción arrolincarse (arroulincarse?). Non vemos a palabra nos dicionarios. Debe ser outra desas que nos son propias neste sur de Lugo!
Ben, o Estraviz fala de arrolingo e o RAG de arrolicar, co mesmo significado

08/04/16

Tamara González sabe moito de nomes da nosa terra

Tamara González anda estes días de actualidade polo traballo sobre os nomes da comarca.
Alegrámonos por ela, que Tamara é neta dun noso veciño de Trasar, un daqueles homes aos que sempre escoitabamos con atención e admiración, o Pepe do Curveirés.
A historiadora dará mañá unha conferencia en Chantada e vén unha entrevista en La Voz de Galicia (ler)




04/04/16

Máis do Manolo do Tío Bernardo

Se queres vivir en paz, deixa a muller mandar
Se queres que a muller te queira, ten cartos na carteira
E gasta en juergas e en viños o que lle has deixar ó sobriños
(son os ditos do Manolo do Tío Bernardo)

Ben seguro que o Manolo sabe rozar nos toxos con fouciños coma este, que o fixo de novo moitas veces. Agora xa non sabemos onde hai que darlle o corte e con canta forza para que non dobre.

Son reflexións mentres trasfegamos o viño, que é tempo diso
 

03/04/16

San Ventil/Wintila e Corpo Santo

Debe ser hoxe o San Ventil ou San Wintila en Carballedo, santo avogoso e de nome un tanto raro que non aparecen no INE homes con ese nome. Moi avogoso para as doenzas dos porcos. Ofrécense lacóns, xamóns... e póxanse diante da igrexa, carne moi aprezada porque como é para o santo é de confianza.
Tamén se celebra este santo en Punxín: San Wintila neno virtuoso criado nunha familia acomodada inclinouse desde cativo a vida en solitario, chegando a abandoar a casa paterna para entrar nun mosteiro, pode que el algun dos tres que existiron nas nosas terras: Naves, Bóveda e Armeses; pero non era o seu, e non tardou en retirarse para facer vida de anacoreta.
A él se achegába a veciñanza da bisbarra mailos que no tren viñan ata A Barca, e as xentes da montaña máis preto de nós: Cea, Piñor, Irixo, Boborás, Beariz, Avión etc., todos a recibi-la bendición do santiño ermitaño.
O sártego de san Wintila, segundo a lenda, estivo nunha ermida na bisbarra, e co tempo foi instalado no románico templo de Santa María de Punxín.
Tamén mañá en O Corpo Santo. Din os de Santa Cruz que o domingo de Ramos levan o santa para a igrexa onda a súa noiva e logo mañá o volven á súa capela. Hai un libro escrito sobre este santo
Contaba a mamá Carmen que había na Casa de Baixo un criado mudo que axudara a buscar o corpo do santo, cando o toparon dixo o mudo: churuchaches churuchiño (que quería dicir: onde estabas meu queridiño).
Non hai moito que as cancelas do sitio aparecían tiradas, ata que entenderon que era o propio santo que non quería estar pechado.
Tamén non hai moito, conta a Pilar de Baixo, que un cura que se tiña por entendido fixo burla do santo e un día pegaron as cobras con el que ben apurado se viu.
Hai un libro:


01/04/16