31/07/12

Tempo de fréxiles

Alá na Cervela onde foi párroco moitos anos o noso tío recentemente finado (Don José) neste mes a Elisa sempre tiña no menú diario fréxiles: caldo de fréxiles e fréxiles cocidos con chourizo, ovo, carne ... Non vemos esta palabra nos dicionarios da Internet. Sabemos que son as xudías ou feixóns, pero non topamos a palabra, igual é exclusiva da Cervela? O caso é que a algún dos sobriños do Don José xa lle cheiraban os fréxiles de tanto comer neles e botou ben anos sen os poder probar. Cousas da vida.

30/07/12

Herba seca

Seguimos a recoller herba seca cando o tempo o permite, andamos pola metade da colleita, agora cada vez falta menos, e ó remate algo de Vacacións.
 
 

Subida a Chantada 2012

Desde as muras da ribeira do Guerra do Barrio de Puga, é o mellor sitio que había onte para ver a Subida a Chantada. E de balde, que o Paco non cobraba. Mesmo convidaba a un botellín. Hoxe xa non, que disque ten que irlle axudar ao Xan a botar o sulfato en Carcacía.

26/07/12

As rapazas de Xan

Os que nos coñecen poden pensar que estamos a falar da Carmen e a Helena, as rapazas do noso Xan. Pois non, neste caso o que lles propoñemos é que lean a novela As rapazas de Xan de Manuel Iglesias Turnes (Ed. Xerais). Por que? Pois porque é unha obra que se le moi ben. Trata das relacións dos mozos e as mozas nunha aldea galega no tempo en que foron mozos nosos pais, alá polos anos de 1950. E está todo moi ben imitado: as romarías, os traballos do campo, a fame e a miseria, a vidas dos caseiros, o poder que tiña o señor cura. Pero sobre todo como eran as relacións entre os mozos e as mozas, o falarse, como se vían os fillos de solteira. E tamén, claro, como toda a vida do lugar se repasaba ben no lavadoiro. Se teñen tempo agora no verán para esquecer un pouco a prima esa de risco que anda tola, lean este libro do trinque. O tío Benigno dicía: después de comer ni una letra leer. Pero iso era antes.

23/07/12

Xa vén aí o Santiago

Santiaguiño pinta o viño, San Salvador píntao mellor (o seis de agosto). Temos que lle preguntar ao Paco do Guerra se viu o pintor por San Fiz ou o Xan por Oleiros.

22/07/12

Sábado 28 ás 11 en Cartelos

A familia que non puido ir ao enterro do parente cura José González en Torrejón de Ardoz vaille ter unha misa na parroquial de Cartelos o sábado 28 ás 11.
O finado foi cura da Cervela (no Incio) moitos anos. De alí trasladouse por motivos de saúde a Chinchón (o pobo madrileño ese que ten unha praza única no mundo), de Chinchón a San Fernando de Henares. Logo tamén botou tres anos nunha parroquia de Torrejón de Ardoz. De alí marchou ata a xubilación a outra parroquia na Avenida de Extremadura madrileña. Xa xubilado volveu residir en Torrejón de Ardoz coa Carmen e o Paco axudando na parroquia de Santiago. Foi un cura viaxeiro.

21/07/12

Investigando co millo

Non é doado saber cal é mellor, o rego da dereita ou o da esquerda, son distintas sementes e para comparalas temos que poñelas xuntas; facemos un seguimento ata a recollida e logo na seguinte campaña aplicamos os novos coñecementos para mellorar a colleita. Sempre tratando de aprender para podermos rendabilizar o noso traballo.

17/07/12

Fóisenos o tío José

Hoxe finou en Torrejón de Ardoz o noso tío José. Un home que mirou moito por nós, levounos tempadas para a Cervela, para Chinchón, para San Fernando de Henares a varios dos sobriños. El e a Elisa sempre nos deron un trato de primeira, como de verdadeiros sobriños de cura cheos de agarimo. Foi o último cura da familia.
Desde Galicia os que non podemos ir alá mandámoslle a Carmen e Paco todo o noso cariño.
Nesta foto da familia xa se nos foron uns cantos, el é o que está de segundo pola dereita de pé:
Misa na parroquia de Torrejon o 18 ás 10 coa asistencia do Bispo de Alcalá. Misa funeral o 24 martes á tarde

16/07/12

Segando na herba

Andamos a segar na herba para seca, cortamos todo, casimos, reigrás, leitugas, labazas, trevos, paus de San Pedro, millaias, correolas, farmelos, etc, así as nosas vacas comen variado

08/07/12

O señor Baudilio de Ponferrada

Ben sentimos hoxe nos Parentes o pasamento dun grande amigo noso, o Señor Baudilio, unha persoa que ía regalando alegría por onde pasaba, un exemplo de como levar a xubilación e gozar da vida como debe ser, un home moi familiar. Agora xa descansa xunto á Señora Dorinda. Un abrazo para o Bernardino, a Mila, o Baudilio e demais familia do Bierzo e o Páramo.

04/07/12

Códice Calixtino

Apareceu, estaba escondido, tíñano os ladróns, menuda falcatrúa, os probes ... e el que obxecto lles tería téreno metido nuns plásticos (coma se fose silo, perdoando a comparación) nun rocho?