29/04/14

Empezou o tempo das merendas


Así estaba onte a aira da Casa de Baixo de Trasar e di a Señora Pilar que cando saen as margaritas xa viñeron as merendas

28/04/14

Explicación de "botando nas patacas" 2

Velaquí o aparello de botar as patacas. Foto feita polo condutor do tractor (Xosé) canda o Xan, Lina e Marta sementaban as patacas. O Pepito daba servizo para non pararse moito que ía moito frío. Algún internauta ata se fixou no dereitiños que van os regos. Ao mellor apúntase algún amigo do blog para axudar a recollelas. Se a colleita é xeitosa prometemos subir unha foto e, como de costume, coas mellores na cima

27/04/14

Explicación de "botando nas patacas"

Alguén nos pide que lle expliquemos a foto do outro día: botando nas patacas. Pois resulta que as mulleres van sentadas no aparello do tractor que fai os regos nos que elas van deixando caer as patacas, así botar as patacas é unha poeira.
Antes abríase o rego e logo poñíase a pataca, botábase a presa de mineral e esterco, todo a man.
Conta o Señor Francisco de Pazos que tiñan alá na Limia un eido grande de patacas, os regos eran moi longos e daba traballo carretar os sacos de patacas da semente. El tiña un burro moi manso e forte, cargou o saco no asno, subiu el tamén e foi botando as patacas descansado, que o burro guiaba moi ben. Cando o seu pai viu o invento botou as mans á cabeza.

21/04/14

Lobos rabiosos

No programa de onte Cuarto Milenio de la Cuatro falouse dos lobos rabiosos de Chantada no século XIX. Alá polo medio deste programa podemos ver falando o noso veciño Leonardo do Conde de Vilaguillulfe

18/04/14

Multado por xunguir as vacas o xoves santo

Foi hai máis de corenta anos cando o Xan de Baixo foi multado pola Garda Civil porque xunguiu o Xoves Santo e pillárono. Se levase a herba ao lombo (ben máis traballo) disque non o multaban. Ai, aquelas Semanas Santas, non se podía asubiar, non se podía cantar, a radio só música clásica e había que aturar aqueles longos oficios na igrexa de Cartelos. E aínda por enriba o Venres Santo "ayuno y abstinencia" que a Mamacarmen ata pesaba a súa comida.
Arrenégote, demo, que non volvan aqueles tempos, aínda que a algúns parece que ben lles gustaría.
Foto dun balcón dos de antes na Limia

17/04/14

Lembranza do Alfonso

O 17 de abril de 2012 fóisenos o Alfonso, van alá dúas primaveras sen el ... segue na nosa memoria

15/04/14

Murteiros e calçots

Aquí onda nós chamámoslle murteiros aos sitios onde se poñen os tomates/leitugas/cenorias/repolos ... Hai xente especialista en reciclar, coma este que montou un pequeniño murteiro diante da casa aproveitando un vello berce metálico

Hoxe a familia González Fernández está en LLeida acompañando a farmacéutica Encina e mándannos foto do que hoxe xantaron, os típicos calçots cataláns

14/04/14

O Tío Pancho no 14 de abril

"Si me muero mañana, ya me muero tranquilo, se ha roto el eslabón de la Esclavitud" berrou o Tío Pancho (irmán do noso bisavó Ángel) saíndo ao pendello do Arrieiro en Trasar de Carballo co brazo erguido e o dedo índice estirado. Como estivera en Cuba falaba sempre o Castelao. E foi un día coma hoxe, o 14 de abril de 1931. Parece que a República durou pouco e os de sempre volveron enganchar o "eslabón" (fonte: Manolo do Tío Bernardo, a nosa enciclopedia)

05/04/14

Peneda Cabezuda

Xa falamos o outro día da exposición aberta no Centro Social de Boiro neste abril (fotos de Eduardo e Bernardino). O noso curmán converteu esta foto da Peneda Cabezuda nunha das xoias da exposición, facendo país. Esta peneda vese perfectamente desde a solaina da Marta do Gil, aínda que non con este perfil.

03/04/14

Veterinarios/as

Dedicado aos veterinarios e veterinarias que tan ben traballaron sempre cos Parentes

01/04/14

A Lupe e o Pepe de Trasar de Sabugueiro

Dá xenio velos celebrando as vodas de ouro rodeados dos seus. Que sexa por moitos anos que ben o merecen!!!