31/05/10

O atador de Casdepedro


Poucos hai por aquí na contorna que non fosen algunha vez ao atador de Casdepedro, fose empadescanse ao sogro ou agora ao xenro.

El Correo Gallego dedícalles hoxe unha páxina

30/05/10

Remate da ensila


Rematamos de ensilar, agora abonar e arar para sementar o millo o antes posible. Non paramos

28/05/10

Unha cata de leite


Lemos na Nosa Terra (nº 1408) que en Silleda o día 11 hai unha cata de leite. Si, amigos, de leite non de viño como estamos tan acostumados aquí na Ribeira Sacra. E vai estar nela esta señora, Carmen Garrobo, Directora da Escola Española de Cata. Di dona Carmen que un leite por debaixo dos 75 céntimos non ten calidade. Conta que o leite máis rico é o fresco ou pasteurizado, o leite UHT é un leite morto. O pasteurizado é sometido a un golpe de calor a 75 graos uns segundos. O UHT sobe dos cen graos durante máis tempo, para que un leite dure tres meses hai que tirarlle todo o que se pode descompor. Seica o leite de verdade ten que saber a tona (coma o das nosas vacas, claro).

24/05/10

Atopamos algo raro nun prado


Cortando herba para ensilar atopamos este "malladeiro," pensamos que o fixeron varios animais, pero non coincidimos con algún cazador para que poida explicarnos quen e por que fixo tal cousa. Meses antes neste prado vimos o que eiquí chamamos "cabras". Non vimos ningún resto animal, que indique restos de pelexa

23/05/10

19/05/10

Os cabalos de Ourense

Seica son do mellorciño estes cabalos, segundo explica en El País de hoxe o señor Gonazález, que vén sendo o noso Gumersindo

18/05/10

Nova entrega da ribeira do Paco

O outro día presentamos a foto aérea das ribeiras do Paco. Hoxe as imaxes.
Na primeira tío e sobriña na ribeira do Paco que está en plena produción
Na segunda as adegas veciñas á ribeira do Paco.
Na terceira o Paco e a Marta na ribeira a ermo que acaba de mercar o Guerra.

Será das nosas vacas


Mándannos esta foto dun andel nun supermercado en Plasencia, Cáceres... e por que non pode ser en concreto das nosas vacas? se nós lles entregamos o leite...

14/05/10

Obras da Autovía


Deste xeito temos o Recobio, non sei se remataremos os movementos de terra a tempo de botar millo, se non puidera ser este ano teriamos que deixalo para o siguiente.

09/05/10

Ribeiraos e montañeses


Os ribeiraos viven na ribeira todo o ano e traballan nela a diario porque é a colleita da que viven. Os montañeses teñen unha ribeira (viña) para o consumo e van traballándoa nas fins de semana e nos anacos libres. Como hoxe foi domingo aquí temos un montañés traballando na ribeira de San Fiz

08/05/10

Responso de San Antonio

A Mamaservanda sempre rezaba o responso de San Antonio cando perdía algo. Se o responso anda ou guía (se un non se equivoca ao dicilo seguido) é seguro atopar o perdido. Por iso se algún dos nosos amigos da web perde algo (mesmo un arquivo, un @, etc.) aí lle vai o responso para que o memorice:

RESPONSO A SAN ANTONIO

Se buscas milagres, mira;

morte e erros desterrados,

miseria e demonio fuxidos,

leprosos e enfermos sans.

O mar sosega a súa ira,

redímense os encarcerados,

membros e bens perdidos

recobran mozos e anciáns.

O perigo retírase

os pobres van remediados.

Cónteno os socorridos

dígano os paduanos.

O mar sosega a súa ira,

redímense os encarcerados,

membros e bens perdidos

recobran mozos e anciáns.

Gloria ao Pai,

gloria ao Fillo,

gloria ao Espírito Santo.

O mar sosega a súa ira,

redímense os encarcerados,

membros e bens perdidos

recobran mozos e anciáns.

Prega a Cristo por nós,

Antonio glorioso e santo,

para que dignos así

das túas promesas sexamos.

Amén.


07/05/10

Botando as patacas


Cun pouco de chuvia e frío botamos as patacas, este ano rendeu máis a semente porque eran máis pequenas

05/05/10

Música


A Mamacarmen nos seus bos tempos tamén facía música, tiña unha pandeireta e marcaba o ritmo con culleres; e botaba aturuxos. Grazas a Pablo Carpintero todos eses instrumentos tradicionais xa non se perden (xa falamos outras veces deste vieciño aquí). O noso corresponsal en Pontevedra cóntanos que hoxe houbo un acto na Deputación de alí no que Pablo cantou, tocou e explicou a historia da gaita galega desde os tempos antigos. Ao final a xente non paraba de aplaudir e tivo que botarlle outra.

04/05/10

Botar o millo


Despois de estercar e arar, agora toca sementar millo. Empezamos hoxe nas leiras que temos laboreadas