29/12/16

Pegota e coitar

Onte puxemos no Facebook unha pegota, que é como aquí lles chamamos ás inocentadas ou bromas do 28/12 (foto)
Nesta zona temos palabras moi bonitas. Outra:
"Coitar": pasar un coitelo por enriba dunha pezoña.
Conta o Luís Gayoso de Antas:
Pasábase un coitelo sobre a ferida, a zona inchada, tres ou cinco veces, sempre número impar. Tamén había que fixarse na cor da pel, se estaba inflamada, inchada, porque podía ser a picadela dun bicho ou o aire de sapo, araña ou outro animal. Pasábase o fío do coitelo por enriba sen facer forza, sen cortar. Mentres... recitábase esta oración:
"Sea sapo ou sapón
ou araña ou arañón
ou bicho de calquera nación,
será cortado e recortado
coma a herba no sagrado.
Pola gracia de Dios i a Virxe María,
un Padrenuestro i unha Ave María."
.

23/12/16

Os Parentes andan nun libro

É no libro de homenaxe a don Xesús Ferro Ruibal, de quen xa falamos aquí varias veces. A escritora da Real Academia Galega dona Fina Casalderrey fala dos Parentes, recolle un escrito deste noso blog, pon a foto da Pilar de Baixo e fala do Manolo do Tío Bernardo.
Un orgullo para Os Parentes e este blog


20/12/16

A nosa homenaxe a don Xesús Ferro Ruibal

Vimos no xornal que hai en Santiago unha homenaxe ao noso amigo Xesús Ferro Ruibal:
Non podemos ir alá por mor do traballo mais lembramos a súa visita aos Parentes:
Aquí estamos a familia no seu Ben Falado:


Os Parentes sumámonos a esa homenaxe moi ben merecida

06/12/16

Outra frase do Manolo

Conta o Manolo do Tío Bernardo na figadeira deste ano que cando el era rapaz escoitaba este dito na cociña da Casa de Baixo cando xuntaba a xente no serán a contar contos:

“tiralai tirame un tiro, tiralai tírame dous; se me tiras e me matas habémonos ver os dous”