29/10/12

Herba con chícharos para as vacas

Andamos a pisar na herba, e case damos por rematada a campaña de traballos do Outono, como novidade este ano tamén sementamos chícharos (guisantes), xa iremos vendo como medran na primavera, son para ensilar xunto coa herba.

24/10/12

Matacandil

O matacandil é fácil de atopar estes días, cando imos sementar herba nas fincas que tiveron millo vémolo con frecuencia.

15/10/12

12/10/12

Día das Pilares

Hoxe na Casa de Baixo a Pilar xuntou a familia para celebrar o santo. Falando do tempo dixo que ano de ameixas, ano de queixas. Este foi ano de moita froita de óso, pero  do resto pouco: mazás, peras noces. Hai quen di que cando vén un inverno seco a ameixeira florece ben e a falta de choiva axuda a que cada flor acabe nunha froita. Logo acaba chovendo tarde e hai menos sol, polo que é un ano ruín. Aquí por onda nós aínda houbo uvas pero cóntannos familiares da costa que por alí algúns non tiveron que vendimar. Parecía que non habería herba e ao final tamén houbo ben dela. Tamén se di ano de herba, ano de merda
Non vemos máis ca coches aparcados polos camiños e voluntarios colledores de cogomelos trepando polos eidos estes días. Como son gratis, aínda que o dono da finca tamén os queira coller, como non ande agudo non pilla unha.
Cando o tempo se poña firme teremos que mirar de facer a ensila do millo.

08/10/12

Azafrán

O azafrán sae con forza, tamén aperecen zarrotes a esgalla, falta por saber como vai ser coas castañas, inda non empezaron a caer

06/10/12

Vendima do Xan

Hoxe vendimou o Xan alá en Carcacía-Oleiros. Boa colleita, disque o viño andará polos 11´5 graos. Levou moi bos vendimadeiros e remataron pronto, tiveron tempo a ir tomarlle algo aos Peares. E despois un bo xantar: lacoeira, empanadas (a mellor de torriscos), pito ... chocolate Chaparro, galletas, roscón ... Traballo feito!!!