31/05/11

Carne ó caldeiro en Castro

Non hai prato máis rico ca este. A familia da Casa de Baixo celebrou o aniversario do irmán maior o Día das Letras Galegas papando carne en Castro... e logo algúns aínda lle mandaron unha taciña do caldo

28/05/11

Millo, millo

Andamos con moito apuro botando no millo, din os do tempo que mañá chove e queremos rematar antes de chover.
 

19/05/11

Elección municipais do domingo

Avisamos aos nosos lectores que o domingo non haberá actualización no blog porque o informático ten que estar a tempo completo gobernando unha Mesa electoral. Así que non van poder seguir aquí os resultados provisionais e definitivos de Carballedo. Estean onde estean, vostedes voten se lles parece ben e por quen lles pareza mellor.

15/05/11

Vivan Francia e Portugal

Os únicos que saben apreciar unha boa canción son os portugueses e os franceses que tantos puntos lle deron á canción da Lucia. Aínda que non lle chegaron para moito, pero como ela mesma di: que lle quiten o bailao

10/05/11

Lembranza do noso tío do Incio

Brais e Susana, metade Madrid-metade Cervela, envíannos esta foto na Ferraría do Incio co busto do tío. Graciñas.

08/05/11

Col branca

Hoxe tocou pór col branca antes de xantar (como é domingo a Mamacarmen dicía que só se podía traballar 2 horas)

05/05/11

Buxo

En Lobelle temos un buxo, din que pode ter mais de 100 anos, ninguén sabe cando foi plantado, pero para ser un arbusto está grandiño, ten pólas para facer moitas espitas, din os xamoneiros da zona de Dacón (terra deles) que as mellores espitas se fan de buxo. Agora xa non veñen os xamoneiros plas portas na procura de xamóns, cambiaron os tempos. Deste buxo saíu para Santiago unha póla, vai para a Universidade
NOTA: a espita é un pauciño afiado coma unha agulla que os xamoneiros usaban para cravar no xamón antes de o mercar, logo ulíana e xa sabían como estaba de conservada a mercadoría.
 

04/05/11

A Pilar de Baixo

O día 1 era o día da nai e tamén estaba de aniversario, así que se reuniron fillos e netos arredor dela, que ben o merece

02/05/11

De lúas, sementes e podas

Consellos do zahorí JM para os traballos do campo tendo en conta as fases da lúa.
Poden facerlles ou non caso, alá vostedes, pero pensen que as mareas si lles fan caso.
LÚA VELLA: Lúa chea e cuarto minguante
LÚA NOVA: Lúa nova e cuarto crecente
PATACAS: todos os labores en cuarto minguante
COLES: sementar e transplantar na lúa vella
LEITUGAS: sementar e transplantar na lúa vella
FABAS: sementar na chea, recoller na vella.Non se poden sementar na semana da Ascensión, porque saen sen cabeza (Fonte: Marta do Gil)
TOMATES: sementar e transplantar en cuarto crecente
CENOIRAS: sementar na chea, recoller na vella
FEIXÓNS (xudías): sementar na chea
CEBOLAS: sementar en cuarto crecente, recoller en minguante
ALLOS: sementar na minguante de xaneiro. Lúa nova para que se desenvolvan os cativos
FRUTAIS. Poda: *lúa vella para que entren en produción. Poda normal: en minguante. Labores do terreo na lúa vella.
VIÑA. Vendima en minguante. Trasfegas en minguante. Plantar en crecente. Púas para enxertar, dous días despois da lúa chea.
LEÑA:  córtase na lúa chea (Fonte: Calimero)
ROSEIRAS: poda na minguante de xaneiro (Fonte: Cura do Incio)
MILLO: seméntase na lúa nova porque medra máis (Fonte: Antonio do Anxel)
TOXOS: rózanse na forza da lúa nova (Fonte: Camila do Barrio)

Cortar o pelo: na chea (Fonte: Camen de Baixo)