29/09/11

10 graos

Iso parece ser o que terá o viño desta colleita de Oleiros. Alá cando estea feito o Xan e o Xosé convidan a probalo nas súas adegas, que por internet está máis complicada a cata.
Hoxe é o San Miguel, festa en Buciños, cantas veces fomos de nenos xantar alí a carne e o polbo. O Xan de Baixo, en paz estea, ía xa de mañanciña para encargar a carne ao Cazolo, despois iamos o resto. Como nos prestaba comer de campo e que tristura cando chovía!
Saúdos para a xente de Buciños seguidora deste blog. Seica dicía o refrán: Carballedo, terrra de boas mozas, que en Buciños sonche roxas. E tamén: San Miguel das uvas, tarde vés e puco duras.

28/09/11

Ensila

Andamos de ensila de millo, algún ten 3 espigas, pero non todo é coma o mellor

 

Apecear

Outra palabra das de antes. Di Pilar Guerra (na foto na Illa de Ons no verán) que a súa tía Antonia (Quintela) dicía apecear co sentido de ir poñendo algo en camiño de se amañar ou rematar
Coñecen a palabra os seguidores deste blog?

25/09/11

Vendima

Esta fin de semana tocou vendima, moitas e boas, agora toca esperar a que fermente para logo ver que viño sae
 

24/09/11

Os falares de Pilar Guerra

Xa falamos aquí da publicación dos falares de Pilar Guerra nos Cadernos de Freseoloxía Galega 12. Agora a revista que dirixe o amigo dos Parentes don Xesús Ferro Ruibal acaba de poñelos na rede para que todos os poidan ler:

22/09/11

A castañeira deste outono

Polo de agora promete a colleita da castaña, claro que inda faltan días, e non se cumpriu o prognostico do que quere a castaña: en agosto arder e en setembro beber. Estamos soportando unha tempada de seca como non se acordaba hai anos, en xuño, xullo e agosto non choveu nesta zona practicamente nada e en setembro polo de agora tampouco, como din os vellos:  se non chove máis ... nunca sequia veu comela

Tecnoloxía

Como poden ver na foto as nosas vacas poden gozar dunha tecnoloxía punta, nada menos que todo este aparello ... e para que... para mirar o corazón, as vísceras??? Non, só é para tratar as patas... miren se as coidamos ou non

15/09/11

web do Cura do Incio

Igual alguén xa se decatou, porque non lle entraba a páxina do noso tío Anxo do Incio. Cambiou de sitio, agora está en http://www.anxo.info/donangel/

Vilagarcía

En Carballedo tamén temos Vilagarcia,hoxe mandamos dende Os Parentes un propio na procura de mananciais. Saudamos os "villagarcianos" de Carballedo dende Os Parentes.

10/09/11

Acomellamar

A nosa avoa, a Mamacarmen, dicía moito a palabra acomellamar, viña sendo algo así como acabar unha cousa que estaba a medias, axeitar algo un pouco escangallado. Alguén coñece tamén esta palabra?

09/09/11

Santa Eulalia de Tábara

A que non saben onde queda iso? Pois élles alá cerca de Zamora, e alí hai unhas excavacións nun castro. Andan os que saben diso sachando na terra e limpando todo con cepillos e pinceis. Aínda han atopar cousas ben vellas. Este setembro volveu a Carmen traballar niso.

Santa querida

Onte foi a Virxe do Faro, santa querida. A máis avogosa de todas, especialista en todo tipo de favores. A romaxe do Faro foi durante moitos anos a máis grande de por aquí, para a xente ese era un día santo, dos que non se traballa. E hoxe tamén é un santo moi importante en Buciños, o San Pegerto, tamén moi avogoso e único, non hai seica outro tal co mesmo nome en toda a cristiandade. Por iso moitos homes de Buciños e arredores levan o nome de Pegerto ou Pegertiño... antes, agora xa non está moi de moda o tal nome ...

06/09/11

Alexandre

Hoxe as becerriñas foron alimentadas por Alexandre, disfrutamos todos da súa visita. Pode volver cando queira a facer prácticas co tractor, todo un artista do gando e da maquinaria

04/09/11

O Padre Silva

Lemos nos diarios que morreu o Padre Silva, o de Ourense o da Ciudad de los Muchachos, o do circo. Cantas cousas fixo este cura sen sotana! Cantos rapaces recolleu e lles deu formación para que saísen adiante! O noso tío Anxo aínda lle levou algúns rapaces que non tiñan moito futuro para que arrincasen.
A Mamacarmen da Casa de Baixo sempre puxera a zorza en barreñós e cando romperon de vellos non se topaban. Menos mal que o cura do Incio arrincou co coche para a a Ciudad de los Muchachos e de alí volveu con dous barreñós. Aínda hoxe seguen acollendo a zorza todos os anos pola matanza. Igual ese é un dos segredos polos que os chourizos que fai a Pilar saben tan ben.
Quenpacestea o Padre Silva. Era un bo home aínda que quizais nunca o fagan santo!

01/09/11

Van rematando as festas

Onte foi o San Ramón de Lobelle e non houbo festas. O día 10 e o 11 foi o San Lourenzo de Cartelos e houbo festa.

Esta fin de semana pasada foron as festas do Carmen en Chantada. No folión dos carros a chocolatería na que participaba a nosa Carmen  levou o segundo premio. Aquí en Telvinte está:




O pregón das festas chantadinas foi cousa da amiga de varios dos Parentes Carmen Blanco. Saúdos para ela. (Televinte):