04/10/11

Unha sebe tres anos

Unha sebe 3 anos
Un can tres sebes
Unha besta tres cans
Un home tres bestas
Un corvo tres homes
Iso nos dicían antes aos pequenos para que aprenderamos a duración dos animais... aínda que no caso dos corvos é ben esaxerado.
Algo parecido nos manda a Ana María:
O primeiro día Deus criou a vaca e díxolle: terás unha vida dura, traballarás para o labrego, tirarás do carro, deixarás que che saquen todo o leite que deas… e vivirás 60 anos. A vaca respondeu: señor para esa vida chéganme 20 anos , queda cos outros 40.
O segundo día Deus criou o mono e díxolle: terás que vivir pendurado das árbores, divertirás aos homes facendo toda clase de parvadas e poñendo todo tipo de caras e vivirás 20 anos. O mono respondeu: grazas Señor, para esa vida chéganme 10 anos, regáloche os outros 10.
Ao terceiro día Deus criou o can e díxolle: terás que botar a vida sentado diante da porta do home e ladraraslle o todo o que se achegue molestando a todos os que están arredor … e vivirás 20 anos. O can respondeu: grazas señor, pero para levar esa vida chéganme ben 10 anos, eu fago coma o mono, podes quedar cos outros 10.
Ao cuarto e último día Deus criou o home e díxolle: ti non traballarás, vivirás ben, comendo, durmindo, viaxando, vivindo sen facer nada. E concédoche 20 anos de vida. E o home contestou: Señor, 20 anos de tan boa vida é moi pouco, non me chega a nada. Como che sobraron 40 anos da vaca, 10 do mono e dez do can, damos todos a min. Así con 80 anos xa merece a pena.
E Deus concedeullo:
E por iso o home pasa os primeiros 20 anos sen facer nada realmente, vivindo dos demais, sen traballar. Logo bota 40 traballando coma un animal, como unha vaca. Logo bota 10 facendo monadas para divertir os netos. E finalmente pasa os últimos 10 sentado diante da casa dándolle a lata aos que se lle achegan.

Ningún comentario: