18/01/11

Xa custa máis un quilo de penso que un de leite


Xoán Ramón Alvite LA VOZ DE GALICIA, 18/1/2011.
A subida dos cereais dispara o prezo dos concentrados alimenticios até un 30%
Empeza mal o ano para os produtores lácteos galegos. O forte incremento experimentado polas cotizacións dos cereais nos mercados internacionais disparou  até un 30% o prezo dos pensos. Iso supuxo outro golpe para as gandarías que non cobren os seus custos co que perciben por cada litro de leite que entregan á industria. De feito as subas de apenas 3 céntimos rexistradas polo prezo da materia prima en orixe, durante o último trimestre do ano, apenas serviron para cubrir a suba aplicada aos concentrados alimenticios. Dependendo da formulación de cada mestura, o incremento medio de cada quilo de alimento sitúase aredor dos 4 céntimos, aínda que algúns fabricantes optaron por repartiren esta subida en varias mensualidades. Máis gravoso foi o aumento experimentado por aqueles pensos elaborados con altas porcentaxes de materias nobres como a cebada, a soia ou o millo ,que viron como o seu prezo se encarecía até en sete céntimos. Desde o pasado mes de xuño, o prezo da cebada en orixe multiplicouse por dous e chegou a alcanzar un máximo de 220 euros. Outro tanto sucedeu coa soia ou co trigo, que pasou de pagarse a 140 euros aos 260 euros que chegou a marcar a pasada semana. Isto propiciou que sexa posible atopar concentrados destinados a vacas de alta produción con prezos que alcanzan os 38 céntimos, 7 por encima do valor medio percibido por unha explotación, o pasado mes, por cada litro do seu leite. A especulación parece ser a causa deste repunte de prezos. «Non parece claro que haxa motivos obxectivos para esta suba tan radical máis aló da especulación propiciada por grandes grupos de investimento que se refuxiaron no mercado das materias primas. Nalgúns cultivos mesmo se esperan colleitas máis abondosas que en anos precedentes», apuntan fontes do mercado, que matizan que a maioría dos fabricantes non están a repercutir no prezo final do seu produto a totalidade da suba das materias primas. Os gandeiros están a optar por cambiar a composición dos seus pensos para reducir o prezo e con iso mellorar os seus resultados. Solución que pode supor un risco de perda de calidade para as explotacións. «Non é o mesmo elaborar un produto con soia ou millo que con aceite de palma, xirasol ou colza. Entre un penso e outro hai diferenzas de prezo pero tamén de calidade, extremo que non debe ser descoidado polas granxas. Ás veces o barato acaba saíndo caro», apunta Guillermo Pazos, veterinario. Tamén opina así Germán González, presidente de Pensos Alborés. «Sabemos dos riscos que supón a reformulación do penso, pero tamén que nesta situación ningunha explotación podar facer fronte ao custo do concentrado», apunta. A ración media dunha vaca frisona de alta calidade oscila entre os 8 e os 12 quilos de penso diario. Iso supón destinar polo menos dez litros da produción de cada animal (practicamente a metade) só para cubrir este gasto.

1 comentario:

Anónimo dixo...

Gustame o artigo sobre todo a frase, o barato sae caro.mira que levamos tempo escoitandoa e non aprendemos.