15/07/14

Mañá é o Carmen



Mañá é o Carmen. Nós non somos mariñeiros, somos gandeiros pero a nosa avoa era a Mamacarmen. Non celebraba o santo, tan relixiosa ela e pouco dada a festas. Pero aparecía o fillo cura do Incio e había “un bocado” para os fillos e netos da casa, os outros netos podían vir tomar café, lembra o curmán maior. Felicidades logo para todas as Carmes, empezando polas nosas Carmen e Maricarmen da Casa de Baixo.

14/07/14

Medina de Pomar

O parente Paulo vai traballar na localidade burgalesa de Medina de Pomar explicando matemáticas e como se pode ver na foto feita pola Laura é zona de moito estudo

11/07/14

San Cristovo e conto do MdoTB



Onte foi o San Cristovo en Lobelle, misa solemne, procesión e poxa dos santos, coma sempre.
Así que polo patrón aí vai outro dos contos do Manolo:
Unha vez un señor perdeu a súa burra, andouna buscando todo o día e non a atopou, facíase de noite e chegou cerca da casa reitoral. Decidiu entrar para se recoller e meteuse debaixo da cama para se esconder ata o día. Xa de noite o señor cura e mais a criada puxéronse a facer os deberes e empezou a dicir ela: ai, señor cura, que vexo o mundo todo … e escoitouse ao escondido: pois se ves o mundo todo, mira onde está a miña burra

08/07/14

Aplicación para móbil para os incendios

A amiga Espe Gesteira mándanos esta aplicación que fixeron para levar no móbil e actuar cando se vexa un incendio, é moi completa.
Pode descargala deste esta imaxe QR:

Ou directamente desta ligazón


 
O directamente no Google Play:
https://play.google.com/store/apps/details?id=appinventor.ai_davinarey.SenLume_galego&hl=es
 

07/07/14

Os nomes de Santa Baia

Hoxe tócalles aos eidos que levamos en Santa Baia de Búbal:



Gustei. Terras ou casa de Gudesteus, nome de persoa

Lixibán. Difícil saber de onde vén o nome, tal vez dun antigo (villa) Ligi-Iohannis.

A Lobagueira. Gorida ou cova de lobos

Mazaira. Árbore que dá as mazás (matianaria)

Mundín. Terras ou casa de Mundinus, nome de persoa

O Piñeiro. A árbore que dá piñas (pineas en lat.)

O Porteiro. Derivado de Porto, paso dun río ou dun monte (portus)

Santa Baia. Nome de santa, o mesmo que Santa Eulalia (do grego, a ben falada)


05/07/14

Saúdos desde Bueu

Mentres nós apuramos os últimos tractores da ensila
A Vitoria manda saúdos desde Bueu, moi ben gardada por certo