Agora a xente nova xa non sabe que é unha besta, unha mula, un macho, un burro. É normal. Por iso nos pregunta un mozo se é o mesmo unha mula ca unha besta. Os devanceiros dos Parentes foron arrieiros, eses que andaban cunha reata (bestas atadas en ringleira) levando cousas dun sitio a outro.
O Manolo do Tío Bernardo está recuperando dunha operación pero tivo tempo para nos contar toda esta información:
Nas nosas casas había unha besta (o mesmo ca egua, aínda que besta tamén é calquera animal de carga) ou un cabalo para ir á ribeira, ao muíño, ás festas. Outros vecinos tiñan un burro ou asno (femia: burra/asna) para axudar na casa.
Seica o macho e a mula (a femia do macho) son cruzamento entre unha besta (egua) e un burro. O macho é estéril e a mula semi-estéril (di na Wikipedia que moi raramente pode ter un burriño (pai burro) ou un poldro (pai cabalo). O macho e a mula son moi duros e xeitosos para traballar aínda que teñen sona de seren algo teimudos. Sempre valeron máis as femias, as mulas. O Manolo sendo novo levou unha besta da Casa de Baixo a Chantada (levouna tres veces porque o celo era de 9/10 días) ao burro pero non empreñou e perdéronse os cartos da parada. Seica cando o burro collía a besta, dicía o Mestre ferrador: que sea mula (porque valían máis).
Neses tempos as mulas valían moitísimo, case tanto coma unha propiedade. O Grande da Corveira chegou a vender unha en 40.000 pts. E o Paco do Penete outra en 23.000 e tivo que lle dar ás agachadas 1.000 ao chalán (un intermediario do país do que se fiaban os tratantes casteláns). Da feira de Santos de Monterroso marchaban camións de mulas. Aquí mercábanse en outubro con 5/6 meses e vendíanse ao ano seguinte en outubro/novembro, eran as mulas quincenas. Dicía o tratante castelán: la mula es quincena?
Cando o cruzamento é entre unha burra e un cabalo o híbrido chámase mula burreña ou besta burreña. Como é máis difícil conseguir o cruzamento e son menos resistentes e forzudos cós machos e mulas, os burreños sempre foron escasos. Tamén son estériles. Tiñan menos valor, cando se vía unha mula ruín dicíase: esta é unha mula burreña.
Cando empezaron a chegar os tractores a Castilla de repente as mulas deixaron de valer. Seica un ano mercou o Grande da Corveira dúas muliñas aínda mamando na besta por 22.500 pts e cando as vendeu ao ano seguinte perdeu 7.500 pts. Acabara o negocio das mulas.
E tamén os calotes… que daquela unha vez chegou un tratante castellano e contratou a un da terra de axudante a xornal para tratar mulas. Por onde ía mercábaas todas polo prezo que lle pedirán. Menos o tío Manuel de Trasar de Sabugueiro que algo lle cheirou e só lle dicía: váiaseme de aí. O día en que quedaran en sacalas todas á Barrela, ao pasar polo Piñeiro o castellano díxolle ao paisano axudante que tiña que ir facer unha necesidade… e aínda hoxe non volveu. Quedaron as mulas sen vender, o paisano non cobrou, nin o do bar da Barrela que o aloxara, nin… sempre houbo xente con moito conto.
Este tío/pai Manolo sabe moitos contos de antes. Algúns xa non parecen certos para os novos. Di que estando el nun velorio en San Mamede contoulle un amigo do seu tempo o que lle escoitou comentar ao neto falando con outro rapaz: o abuelo moitas mentiras conta.
Arriba unha mula e abaixo unha mula burreña (fotos da Wikipedia)
3 comentarios:
Eu diría que é un macho!
a mintamén me parece que se debe tratar dun macho
Desde logo, a sobrevaloración das mulas en Castilla na postguerra foi espectacular. Un profesor da facultade de León contaba que para comprar unha parella de mulas precisaría íntegro o seu soldo de catedrático de 16 meses. Case nada.
Os mulos ou machos, eran tamén moi valorados de adultos (non creo que menos que as mulas) pero a súa crianza era moi complicada, sobre todo ata despois de estaren castrados(con 3 anos, polo menos), porque tiñan moi mal carácter.
Os machos ou mulas burreños (de pai cabalo e nai burra) eran de moito menos tamaño, anque formas máis armónicas (nos cruces, o tamaño sempre se parece ao da nai, e a cabeza ao pai). As fotos que pos, ilústrano moi ben. Na nosa zona utilizouse moito o termo "burreño" para definir o carácter das persoas semellante ao das mulas. Dise que un pai en Ourense, cando veu de Cuba, dixo da súa filla que xa estabe en idade de merecer: "es guapa la muy puta, pero es algo burreña".
(informacións dun curmán dos Parentes que sabe moito de todo isto, graciñas)
Publicar un comentario