30/11/13

Lobelo e Lobelle

Seguimos lendo o traballo de Nicandro Ares sobre os nomes dos lugares. Hoxe tócalle a Lobelle (que moita xente di Nobelle).
Lobelle: serían as terras dun tal Lupellus (dimin. latino igual a Lupulus –lobo-)
-          Lobelle de Abaixo (lat. bassus)
-          Lobelle de Arriba (lat. ripa)
O Piñeiro: o nome vén da árbore que dá piñas (pineas en lat.)
Quintela: antes foi Quintanella, que viña de Quintana, derivado de Quinta (parte dos froitos que se pagaban de renda ao dono)
Vilar de Mulleres: xa no ano 947 aparece in villares de mulieres. Significa o que di o nome.

Así que tamén poderiamos poñerlle a un rapaz Lobelo en honor a ese Lupellus que andou por estas terras.

Onda de frío


28/11/13

Cartelo, Trasario, Guillulfo

Pois lendo os traballos de Nicandro Ares publicados pola RAG podemos saber o que significan os nomes dos nosos lugares. Hoxe miraremos os da nosa parroquia.
Cartelos: lat. vg. nome de persoa Quartellus (dim de Quartus)

Casa do Barrio: lat. tardío Barrium, do árabe barri (exterior)

A Laxa (Lagea): latín hispano lagena: pedra plana e delgada

Trasar de Carballo: do nome de persoa Trassarius,

Vilaguillulfe: lat. villa e nome de persoa visigótico Wiuliulfus, en xenitivo de posesión
Polo que vemos, Cartelo, Trasario, Guillulfo podían ser hoxe nomes de persoa do máis tradicional e enxebre, moito máis ca Cristian, Jonathan ou Kevin. A ver quen se anima a poñerlle estes nomes a un rapaz?

24/11/13

Na ceba empezar cunha caldeira e acabar cunha taza

Iso contou hoxe a Pilar de Baixo no magosto co que se presentou a nova Asociación de Veciños de Cartelos (Presidenta María e segundo cargo Ana). Moita xente e unha boa comida, todo moi ben organizado, parabéns e agradecementos para a organización. Alí estivemos Os Parentes.
Volvendo ao conto, seica para cebar ben os marraos hai que lles dar ben de comer ao principio (caldeira) e xa cebados deben comer pouco (cunca). E ás veces os animais compórtanse mellor cás persoas. Este ano a Pilar ceba dous porcos. Un deles púxose mal e empezou a coxear, ao primeiro ía comer á maseira apoiándose no outro pé; cando xa non se daba erguido, nada máis botarlles a comida na maseira a outra porca (irmá) dáballe co fociño entre as patas de diante ata que conseguía erguelo. Temos que convencer á Pilar de que se faga cun móbil para gravar estas cousas.
En fin, graciñas á Asociación pola xuntanza de hoxe