14/08/11

Precioso poldro

Naceu un cabaliño, 11 meses de espera pero mereceu a pena, é ben feito e a nai parece orgullosa... e o seu dono Efrén vese contento (o cabalo naceu aquí en Lobelle)

13/08/11

Vacacións

Non todo vai ser apañar patacas. Tamén hai que viaxar. Aquí temos o Xan, a Mª José e a Vitoria en Bueu (moi cerquiña de onde tamén anda o señor Solana). Semellan estar atentos aos ladridos do cadelo Peg. Junior.

Patacas

Tamén aproveitamos os días de vacacións para outros labores que a diario non hai tempo. Aí temos estas fermosas patacas recén arrincadas coa sacha polo Xan en Suashortas de Trasar. Teñen boa pinta para fritas

12/08/11

Vacas-vaca-ciós

Xa andamos coas quendas das vacacións de verán. Boa falta fan as vaca-cións para esquecer uns días as vacas, que elas si que non teñen vacacións, pola contra tampouco traballan moito, o seu é comer e dar leite e cando fan ben as dúas cousas nós encantados

11/08/11

De cegoñas e comidas

Moita comida debe haber nos prados cando segamos a herba para que as cegoñas veñan a ducias. Nada máis escoitar o tractor xa aparece algunha e despois veñen as outras. Fan coma os avións, dan un par de voltas de recoñecemente e logo baixan suavemente deixándose caer. Cando chegan as cegoñas xa sabemos de onde vén o aire, sempre se pousan na dirección do vento. O outro día chegaron dúas ou tres e de pronto desapareceron... que lles pasaría? non lles gustaría o cibaco? Pois dalí a pouco quen se pousou foi un deses paxaros que comen outros paxaros... escaparan por se acaso.

E falando de comida, como se pode ver, temos que separar os pensos porque non todas as vacas teñen as mesmas necesidades

10/08/11

Comida anual dos Parentes

Este domingo día 7 foi a comida anual dos Parentes no Río Búbal da Barrela. Presidiu o Curmán Maior Benigo axudado polos tres padriños, Manolo-Lina-Pilar. Moi boa comida e excelente conversa e ambiente, os primeiros en marchar, coma sempre, os que estaban de garda nos Parentes, que as vacas non entenden de festas.