Antes todo era contra as mulleres e non faltaban ditos coma estes:
Muller que canta algo lle falta (que non ten mozo, algo lle falta)
Muller rideira, ou tal ou cal, ou meiga (ou puta, ou peidiera ou meiga)
Son os contos do Manolo do Tío Bernardo
31/12/13
Despedir o 2013
Haberá que brindar e tomar as uvas. Se non lle gusta moito o cava pode aplicar a receita irlandesa do parente Paulo: metade cervexa negra e metade cava.
E como é Noitevella tamén haberá que darlles un extra de salchichón ás cadelas que fan moita compaña.
30/12/13
Feliz 2014 para quen nos visita na Internet
Blog Os Parentes: Media
mensual redondeada á baixa de visitas: 900 (10.800 no ano 2013)
Blog: Media mensual de
visitantes novos: 140
Web
osparentes.eu: Media mensual de visitas redondeada á baixa: 500 (6.000 no ano 2013)
Web
osparentes.eu: Media mensual de visitantes novos: 50
A todos estes
visitantes virtuais … que teñan un bo ano 2014
Días para o lecer
Hai que aproveitar o Nadal. O Xan que descansa, o Xosé que vai a Taboada ver Asolagados e a Pilar que pasea pola Coruña
29/12/13
Diversificar para sobrevivir 2
O de onte, 28 día das inocentadas, era unha peghota. Cando eramos rapaces o Tío Benigno recibía o diario (El Progreso) e eran sonadas as súas inocentadas. Xa temos contado que este xornal tiña unha segunda función todo o verán na que o Don Benigno era un esperto, era unha arma mortífera para as despistadas moscas que se pousaban no mesado da cociña da casa do Tío Bernardo. E unha terceira era a de servir para envolver cousas. Tamén había unha cuarta pero esa era moi persoal e non se debe falar en público dela por educación.
28/12/13
DIVERSIFICAR PARA SOBREVIVIR: 28 de decembro
Estamos fartos do sobe-baixa nos prezos do leite. Para o ano
14 que xa está aí imos dedicar unha das naves a un novo tipo de gando,
principalmente burras e burros. A
idea é crialos nós mesmos e aproveitar a carne para facer cecina (coma antigamente en León), ademais de ofertar paseos en
asno polos nosos eidos (ao termos moitos podemos contactar cos colexios para
paseos colectivos, ou con residencias da 3ª idade). Tamén mercaremos algunha
besta para facernos con mulas e machos
(aproveitando os consellos que para a súa cría daba o Paco do Penete). Mesmo podemos mercar algún cabalo (no que é
entendido o noso parente Gumersindo)
para ter algunha mula burreña, pero
iso máis adiante. Así falando entre nós, algún dos socios ata se atreve a que
tamén podiamos probar con cebras
porque leu na internet que cebra, burro e cabalo son da mesma familia, e
mirar como se daban estas na nosa terra, que tamén hai xente que cría avestruces
galegas. No fondo é unha volta ás orixes, aos nosos devanceiros arrieiros de Trasar e as súas reatas.
Temos que mirar nos organismos oficiais a ver se podemos
picar algunha subvención por emprendedores con isto da burramia, que alí diso
saben moito.
Para máis información sobre as mulas ver a nosa
entrada
27/12/13
As tres casas máis antigas de Trasar de Carballo
Contaba a MamaCarmen que as primeiras casas do lugar
foron a de Baixo (os Portacales), a do Xeno (as Lamacovas) e a do Corveirés (as
Purreiras).
O nome do Curveirés ou Corveirés vén de que o fundador veu da Corveira -terra frecuentada por corvos- na Aguada. Outro veciño de Trasar era o Nuxilde, porque tamén veu do lugar de Nuxilde (na Chantadina A Laxe), o nome significa terras de Novegildus
26/12/13
Santo Estevo de Cartelos
Diciamos o ano pasado que no día do patrón misa cantada e sermón. Seica preguntou na misa o Padre Mauro cal era o costume da parroquia polo patrón e a xente dixo que non se celebraba. Así que hoxe será un día corrente en Cartelos (festas o San Lourenzo e tamén se celebra a Santa Lucía). Pero serve para lembrar o que di da igrexa parroquial Turgalicia: Edificio do século XVIII, con reformas posteriores. Nave de planta rectangular con cuberta a dúas augas. Fachada con arco escarzano na porta e óculo na parte alta do frontis. Pináculos en forma de pirámide nos aleiros laterais. Espadana de dous vans. O retablo maior é Neogótico, e os laterais do século XVIII.
24/12/13
Facendo os chourizos na Casa de Baixo (E bo Nadal)
1.- Enchen a Vitoria e o Paulo
2.- Atan A Lina e o Manolo
3.- E tamén a Marta e a Tita
4.- E despois a comer a zorza con cachelos
5.- E as filloas sobrantes púxoas o Xan ao baleiro para que as leve o Paulo para Sanabria
21/12/13
Figadeira na Casa de Baixo
Aquí onda nós as matanzas eran figadeiras polo moito valor que tiña o comer o fígado encebolado no xantar. Matábanse os marraos á mañanciña, chamuscábanse con palla, fregábanse con auga fría, sacábanse as tripas e pendurábanse atados polo cu. Comíanse as carnes mortas e as paxarelas. Marchábase lavar as tripas ao regueiro nos Salgueiriños, os homes só cargaban coas tinas, as mulleres lavaban. E logo un bo xantar: cocido e fígado con patacas. E bo viño da ribeira. Descanso e boa cea con callos e carne asada. Máis viño da ribeira e filloas de sangue. E logo os homes varias horas de julepe no comedor. Eran tempos.
Pero os tempos sempre cambian e moito diso xa non se fai. Non hai máis ca ver este fígado deconstruído no prato do Xosé.
15/12/13
Buciños e os seus nomes
Tamén levamos eidos na parroquia de Buciños. Vexamos que di Nicandro Ares dos nomes dos lugares.
Buciños: dun nome
de persoa Buccinius
Alén do Río: máis
alá do río
A Barreira: lugar
de barro (palabra anterior aos romanos)
O Barrio: lat.
tardío Barrium, do árabe barri (exterior)
A Casa Grande:
non fai falta explicar
O Coedo: onde hai
moitas coles ou coias (posible cauletum)
A Corna: cerdeira
brava ou sanguiño (cornus)
A Corveira de Abaixo:
lugar de corvos (corvaria) de abaixo
A Eirexiña:
igrexiña
Loureiro de Baixo e
de Riba: o nome da árbore. Loureiro foi parroquia suprimida e agregada a
Buciños no 1890.
O Outeiro: sitio
alto (altarium)
O Porto: paso dun
río ou dun monte (portus)
San Trocado: Sanctus Torquatus, un dos sete varóns
apostólicos
Surrego: ao pé
dun rego ou regato
A Torre: xa o di
o nome (turris)
Trasar de Sabugueiro.
Do nome de persoa Trassarius. A árbore ten que ver co latín sambucus, sabugo
Trasmontes:
detrás do montes
13/12/13
Santa Lucía
Hoxe día 13 é a Santa Lucía en Cartelos. Antes era festa de pote e mesmo algún ano había unha banda tocando. Aínda así hai misas para os devotos que sempre foron moitos porque problemas de visa sempre houbo e haberá. Felicidades para as Lucías amigas dos Parentes (coma a Lucía López de Lobelle)
Moitos anos houbo pito polo día de hoxe na Casa de Baixo ben gobernado pola Señora Pilar.
Moitos anos houbo pito polo día de hoxe na Casa de Baixo ben gobernado pola Señora Pilar.
12/12/13
09/12/13
08/12/13
Pradeda
Tamén levamos eidos en Pradeda. Vexamos que di Nicandro Ares dos nomes desta parroquia:
Pradeda: terreo
con plátanos silvestres (nada que ver con prados), do lat. plataneta. No ano 947 xa se fala de Plataneta et Sancta Eogenia.
-
Pradeda de Abaixo (lat. bassus)
-
Pradeda de Arriba (lat. ripa)
Barrio de Puga. Barrio: : lat. tardío Barrium, do árabe barri (exterior). Puga,
que é apelido por Ourense e pode significar vástago
de enxerto.
A Estibada: bouza
sementada (lat. stipata)
Quintá do Monte. Quintá: (villa) Quintana, propiedade dun Quintanus; que está nun monte.
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)