Andamos a reparar un Galiñeiro en Trasar, polo de agora segue en obras, pero a cousa pinta ben, recuberto de pedra para non desentoar co entorno, e tamén para o benestar das galiñas.
Ben merecidas ten as vacacións a Pilar de Baixo. Seguindo os pasos da tía Isolina, que en paz estea, está gozando duns días de praia coa filla na Coruña, esa preciosa cidade desde onde nos manda esta foto. Que lle aproveiten os aires da mar, que dicía a Mamacarmen que eran moi sans. Nós seguimos coa herba seca.
Andamos na herba seca, temos algunha estesa, outra de pé e unha pouca a recolleito. A da foto é nun prado do Pegerto gaiteiro, o noso primo dos BARRIOS, a finca está situada á entrada da Barrela
Hoxe é o San Cristovo, patrón de Lobelle e da Cervela (onde estivo moitos anos de párroco o noso tío José). Seica este santo era moi alto e forte e levaba ao lombo xente para cruzar un río polo que o fixeron patrón de camiñantes e despois de condutores. Nos Parentes temos moito que conducir por mor dos tractores e máquinas. Tamén se di que en Santiago se conserva un brazo do tal santo e en Astorga unha mandíbula. Cando vaiamos a Santiago logo teremos que preguntar por ese brazo e a ver se pode darlle a man para saudalo en nome dos Parentes
Choveu. Di a Pilar de Baixo de Trasar de Carballo que agora temos un clima coma o cubano. Chove, escampa e vén o sol. Que lle aproveite ás nosas marelas, aínda que agora non lles podemos chamar marelas coma cando eran do país.