28/02/16

Comer o botelo

Nestes días fríos é bo tempo para comer o botelo... tal e como fixeron hoxe en Boiro. A foto dá fe do rico que debía estar este botelo caseño do Bierzo


27/02/16

A neve é esterco para as terras

Iso di a Pilar de Baixo que dicían os de antes: a neve é esterco prás terras. E claro que neva hoxe:

E tamén na Aira da Casa de Baixo:

Pero en Ourense xa é outra cousa:

 
 

22/02/16

Medina de Pomar

Desde a terra do Aldán (a máis nova xeración da Casa de Baixo) envíannos esta foto porque seica as leitugas son o produto máis característico desa parte das Merindades burgalesas
 

21/02/16

Botarlle unha corda ao carro

Cando se torcía a carga dun carro (un supoñer nun carro de toxos) había que lle botar unha corda (unha nova corda atando e asegurando a carga torta)
Contaba un trasariano ilustre que el estivera na guerra de África e cando cruzaban o Estrecho o barco torceuse e houbo que lle botar unha corda (boa transposición da nosa cultura á mariñeira). Aínda que tamén contaba que noutra ocasión cruzara o mesmo Estrecho a pé con cartucheiras e escopeta incluídas... tanto que lle respondeu outro trasariano: había de ser un mar cimeiro, oh!!! Todo isto lembra o Xan, vendo o caso do barco este
 

19/02/16

Visitounos un autobús

Hoxe viñeron vernos en autobús, para veren funcionar o carro mesturador dos alimentos para as vacas
 

14/02/16

Que cousiña será?

Adiviña: Unha saba branca, sen algodón, que cobre o mundo e o río non
A resposta é esta, así está a nosa paisaxe nos Parentes


13/02/16

Día de San Benigno

Polo día de hoxe había unha boa comida na Casa do Tío Bernardo de Trasar de Carballo, era o santo de Don Benigno, o cura centenario (chegou aos 105). Gobernaba a cociña a súa sobriña (e madriña dos Parentes) Concha. Cociñaba moi ben que aprendera en Barcelona acompañando os curas da familia. Nos pratos reinaba o pito, claro, pero cando o outro sobriño cura (don Angelito) estivo en San Vicente de Pombeiro (Ribeira Sacra) tamén chegaba algunha que outra lamprea.
Así que aproveitamos para felicitar ao noso curmán maior Benigno alá en Noia.
Fotos do tío Benigno, a tía Concha e o curmán Benigno



10/02/16

A auga perderana os meses pero o ano non a perde

Iso dixo a Pilar de Baixo falando do moito que chove e explicou este dito antigo: choverá antes ou despois pero ao final do ano sempre vén caendo a mesma auga

09/02/16

Mulas e machos

Xuntamos e recuperamos os textos sobre a mula que tiñamos no blog e outros máis nunha páxina da web:

osparentes.eu

06/02/16

Celebración do Entroido

Xantar de Entroido na Casa de Baixo.
Contou o Xan que entrara a garduña (fuina en castelán) e fixera das súas no galiñeiro:
E tamén que a cadela lavada (tijereta en castelán) lles fai un buratiño ás noces para papar o que hai dentro
E a Pilar que os esquíos (ardillas en castelán) van coller noces á aira de Baixo e esconden algunhas nun morico para teren cando lles cumpra
 
E non podía faltar un dito do Manolo do Tío Bernardo: o que non se pode entender é que os curas se condenen e os médicos teñan que morrer (que non precisa explicación)
Todo iso mentres se daba conta dunha boa sobremesa: 
 
 
 

03/02/16

Cachucha de porco no Entroido

Vén aí o Entroido e na Casa de Baixo xa se fan os preparativos para comer a cachucha do Entroido, como é de lei: queimar, poñer a remollo, cocer e ...