28/02/10

Mexar en Noia custa 750 €


Iso é o que di hoxe El País, que mexar en Noia na rúa pode custar unha multa de 750 €. Pois que se coide o noso Curmán Maior (coñecido profesor en Noia). Non vaia saír un día despistado a dar os seus paseos e se sinta no seu Vilaguillulfe natal onde nunca foi penado tal costume natural, iso si, arrimándose a un valado ou silveira como era costume.

23/02/10


Antes de chegarmos a Trasar de Carballo, podemos ver esta paisaxe -foto feita nun dia chuvioso-. Vemos animais, terras aradas e unha estrada. Así de bonita é esta nosa terra calquera día chova ou non. Se nos fixamos, tamén podemos ver fentos, silvas, un sabugueiro, vidros, carballos, hedras, castiñeiros, un regato, un charco, néboa. Nos Parentes somos uns privilexiados, estas cousas vémolas todos os días...

20/02/10

Máis novas malas para nós

Nun comunicado, a organización agraria sinalou que na pasada campaña, 2008-2009, a facturación das 13.591 explotacións lácteas da comunidade sumou 760 millóns de euros, un total que, indicou, se reducirá a 586,1 millóns no presente período. Por iso é polo que denuncie unha "perda real" de 173,9 millóns de euros que se engaden á caída de 124,9 millóns de euros rexistrada na pasada campaña respecto da anterior (2007-2008).

Xóvenes Agricultores recordou que os gandeiros galegos percibiron 39,36 céntimos por litro de leite na campaña 2007-2008, que se reduciron a 34,19 no período 2008-2009 e aos 27,03 da actual –no que vai de campaña. A organización agraria estimou que esta campaña os produtores lácteos deixarán de ingresar 476.536 euros ao día, é dicir que cada gandeiro percibirá 13.532 euros diarios menos.

O sindicato indicou que tamén a produción evolucionou á baixa dado que se na campaña 2007-2008 se obtiveron 2.248.477 toneladas de leite; na seguinte foron 2.223.012 e na actual, segundo as súas estimacións, serán 2.168.376 toneladas. As entregas diarias tamén descenderon e pasaron dos 6.090.445 quilos da campaña pasada aos 5.940.756 quilos da presente.

19/02/10

Case un millón de vacas hai en Galicia

Segundo AGN: Galicia é a comunidade autónoma con máis explotacións de gando bovino, un total de 53.892, e a segunda con maior censo bovino, o cal ascende a 940.452 animais vivos.
Estas cifras fan que Galicia conte co 31,7 por cento das explotacións de bovino que existen en España, 169.609, e co 16 por cento do censo de bovino estatal, 5.866.215 cabezas. En canto a explotacións, logo de Galicia o maior número correspóndelle a Castela e León, con 25.735 granxas, e a Asturias, con 21.718. As cifras máis baixas osténtanas A Rioxa, con 417, e Murcia, con 594.

Polo que se refire a exemplares de gando bovino, no primeiro lugar, por enriba de Galicia, está Castela e León, con 1.245.616 reses, mentres que por baixo da Comunidade galega se atopa Estremadura, con 732.455. Así mesmo, os últimos postos son para Canarias, con 17.050 animais vivos, e A Rioxa, con 35.464.

Por provincias, Lugo é a que conta co maior censo de reses, 440.976, seguida da Coruña con 338.699, Pontevedra con 102.452, e Ourense con 57.933. En canto a explotacións, A Coruña ten o maior número, 19.176, seguida de Lugo con 17.883, Pontevedra con 13.588, e Ourense con 3.245.

16/02/10

Volveu o Romano



Xa regresou o presidente e trae pouco acento italiano. Seica trae a cabeza chea de cousas bonitas e moita arte. Aquí tamén hai arte moderna. En Taboada tiveron a festa do caldo dos ósos e montaron unha exposición de porcos ben pavera.

15/02/10

Lobelle



Hoxe vén unha páxina enteira de El País dedicada ao noso veciño empresario José Antonio Lobelle, para nós o Pepiño. Santiago foi esta fin de semana a capital do fútbol sala, alí estiveron parte dos mellores xogadores do mundo e todo grazas a este empresario que leva o nome de Lobelle moi alto. Cantas veces viaxamos nós noseu taxi hai anos, tamén nos levou a algunha festa! Xa levamos falado na nosa páxina duns cantos veciños que triunfaron polo mundo levando con fachenda o nome da Barrela e Carballedo. Son un orgullo para os que traballamos aquí día a día, dannos ánimos para seguir a adiante. Se non fora polos árbitros seguro que o Lobelle era o campión... sempre o demo dos árbitros...

Os romanos


O Xan, a Carme e a Helena saúdan aos amigos e amigas dos Parentes outra vez desde un deses monumentos famosos de Roma. Xa lles queda puco para volveren. A ver se nos traen algo de pasta para comer.

12/02/10

Xan e Helena


Velaí o Presidente dos Parentes e a súa filla en Roma nada menos que na Fontana di Trevi, dise que á a máis bonita fonte do mundo. Desde alá mandan saúdos para todos os visitantes da páxina

Candiós



Candiós polo frío, ata -4, de seguir así teremos que aprender as vacas a tomar auga sólida

11/02/10

Roma

E el que será de nós sen Presidente. Arestora está en Roma visitando a filla que está alí estudando. Ben seguro que como é un ex-seminarista ha querer asistir a unha misa solemne no Vaticano. Que o pase ben e esqueza uns días Os Parentes e as vacas.

05/02/10

A cría dos porcos

Inauguramos nova sección na páxina web explicando como criar os pocos, polo menos como se fai en Lobelle na casa do Gil.
Quen queira engadir algo ten á súa disposición os comentarios desta entrada

04/02/10

TECNOR


Dende Lalín, chegounos este agasallo de parte de TECNOR que foron quen montaron o equipamento da nova nave. Estamos agradecidos.