Este é de sol, non e fácil de entender pero é bonito
29/08/11
24/08/11
Visita á Coruña
Aquí está a Pîlar de Baixo diante do portal da casa da Maricarmen na Coruña. Fomos alá verlle o piso e pasarlle o péndulo, deu todo ben, que o disfrute...
20/08/11
O raposo
O Zorro anda a "minar" o Muíño Vello; contan que en tempos da guerra un veciño que era mestre seica fixo unha cova nesta zona para esconderse, despois din que foi utilizada un tempo por maleantes. Así a simple vista está mellor de localizar a que fixo o raposo estes dias, como está ao lado dun souto igual quere o pillabán gardar as castañas no toco para o inverno.
19/08/11
De galiñas, ovos e tomates
Ao José da Torre-Cela sobrábanlle os tomates e déullelos ás galiñas e estas deixaron de poñer, el pensou que sería porque xa remataran a tempada de posta... pero en Bueu dixéronlle que galiña que come tomates deixa de poñer ovos. Así que será mellor gobernar os ovos na cociña e depois botarlles o tomate. A Marta, boa criadora de pitas poñedoras, di que non sabe nada diso de que os tomates acaban cos ovos.
17/08/11
Andar á revendía
Lembroulle esta frase que se di moito por onda nós ao Curmán Maior Benigno. Non vén nos dicionarios pero si na internet onde o escritor Xulio López Valcárcel di tela escoitado pola zona de Lugo co significado de á porfía, á competencia (o mesmiño que se lle dá en Carballedo). O que si vén nos libros é unha moi parecida que ten sentido semellante: andar á revengueita. Así que por aquí andar/ir á revendía dise cando (facendo algo) se apura para ver quen acaba antes ou quen o fai mellor.
O que xa non temos tan claro é se escribila con b ou con v
16/08/11
Por decir viva san roque
Por dicir Viva San Roque prenderon a meu irmán... e agora que o soltaron Viva San Roque e o can (popular)
Hoxe é San Roque, outro santo moi avogoso que nas imaxes sempre aparece ensinando unha perna na que ten unha chaga e acompañado dun can que leva na boca una anaco de ¿pan? Por iso debe ser o santo protector dos cans (haberá que lle dar ao noso hoxe un bocado extraordinario). E de paso, como tamén é santo ao que hai que recorrer no caso dunha peste... a ver se leva dunha vez esta peste de crise e trae a suba do leite.
Ademais hoxe en Carballedo, o noso concello, é día festivo que están coa patroa os Castro; aínda que para nós é un día solto (como dicían antes) porque a vaquería quere comer igual, non sabe de días santos.
14/08/11
Precioso poldro
Naceu un cabaliño, 11 meses de espera pero mereceu a pena, é ben feito e a nai parece orgullosa... e o seu dono Efrén vese contento (o cabalo naceu aquí en Lobelle)
13/08/11
Vacacións
Non todo vai ser apañar patacas. Tamén hai que viaxar. Aquí temos o Xan, a Mª José e a Vitoria en Bueu (moi cerquiña de onde tamén anda o señor Solana). Semellan estar atentos aos ladridos do cadelo Peg. Junior.
Patacas
Tamén aproveitamos os días de vacacións para outros labores que a diario non hai tempo. Aí temos estas fermosas patacas recén arrincadas coa sacha polo Xan en Suashortas de Trasar. Teñen boa pinta para fritas
12/08/11
Vacas-vaca-ciós
Xa andamos coas quendas das vacacións de verán. Boa falta fan as vaca-cións para esquecer uns días as vacas, que elas si que non teñen vacacións, pola contra tampouco traballan moito, o seu é comer e dar leite e cando fan ben as dúas cousas nós encantados
11/08/11
De cegoñas e comidas
Moita comida debe haber nos prados cando segamos a herba para que as cegoñas veñan a ducias. Nada máis escoitar o tractor xa aparece algunha e despois veñen as outras. Fan coma os avións, dan un par de voltas de recoñecemente e logo baixan suavemente deixándose caer. Cando chegan as cegoñas xa sabemos de onde vén o aire, sempre se pousan na dirección do vento. O outro día chegaron dúas ou tres e de pronto desapareceron... que lles pasaría? non lles gustaría o cibaco? Pois dalí a pouco quen se pousou foi un deses paxaros que comen outros paxaros... escaparan por se acaso.
E falando de comida, como se pode ver, temos que separar os pensos porque non todas as vacas teñen as mesmas necesidades
10/08/11
Comida anual dos Parentes
Este domingo día 7 foi a comida anual dos Parentes no Río Búbal da Barrela. Presidiu o Curmán Maior Benigo axudado polos tres padriños, Manolo-Lina-Pilar. Moi boa comida e excelente conversa e ambiente, os primeiros en marchar, coma sempre, os que estaban de garda nos Parentes, que as vacas non entenden de festas.
09/08/11
08/08/11
Turismo por Carballedo
Está moi ben poder ter vacacións e desconectar do de todos os días e ver novos sitios. Aínda que aquí na nosa zona temos tamén sitios ben bonitos, coma este da Peneda do Graúllo, impresionante, xa quixeran ter na costa un cantil coma este. E ademais ten ao lado unha boa fervenza, e tamén un regato para se bañar ademais de fermosas vistas sobre o río Miño.
05/08/11
Máis do mesmo
O prezo do leite en Galicia sobe, pero aínda é o máis baixo de Europa
O prezo medio entre xullo de 2009 e maio de 2011 foi de 28,84 euros por cada 100 quilos, por debaixo do resto de España e dos cinco grandes produtores europeos
Boas e malas noticias para o sector lácteo en Galicia. Entre xullo de 2009 e maio de 2011, o prezo do leite na comunidade incrementouse un 11,26%, un incremento superior ao do resto do Estado español (8,04%). Así, o valor de cada 100 quilos de leite pasou nese periodo de tempo dos 25,05 euros a 30,14. Sen embargo, este repunte non foi dabondo para conseguir que Galicia siga sendo o gran produtor lácteo europeo que menos recibe pola venda do leite, segundo se desprende dun informe elaborado por Unións Agrarias (UU AA).
En Portugal sitúase en 28,89 euros, fronte aos 29,45 de España ou os 31,92 euros de Alemaña. O maior incremento dos prezos na nosa comunidade rexistrouse entre a primavera e o outono de 2010, no que se pasou de 27,95 euros por cada 100 quilos a casi 31 euros. Neste momentos Galicia (30,14 euros) sitúase nun nivel similar ao de España (30,49), Portugal (30,58) e Francia (30,88). A moita máis distancia atópanse Alemaña (34,44), Dinamarca (36,34) e Holanda (38). Precisamente son os produtores que maior remuneración obteñen (Holanda, Dinamarca e Alemaña) os que máis aceleraron esa recuperación dos prezos neste dous últimos anos. En Alemaña, por exemplo, o incremento foi de case o 43%.
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)