29/09/13

Frase para romper unha moza e un mozo

Agrexán e Pico, Enxerto, Vales, Casar de María e aí te quedas prenda mía. Cando unha moza deixaba a un mozo ou ao revés dicíalle esta frase para romper. Os tres primeiros lugares son da Aguada (Lugo), os dous últimos de Vales (Ourense) -son os contos do Manolo do Tío Bernardo-
O Modesto de Vales coñece esta: Agrexán, Agrosantiño, Vales, Casardemaría, Cazurraque, Monteagudo, ahí te quedas prenda mía/ahí me tienes prenda mía. Ou esta outra: Agrexan, Agrosantiño, Vales Casardemaría, Cazurraque, Monteagudo, Pico, Enxerto de mi vida.

Novo sitio para o tempo

San Miguel das uvas, tarde vés e pouco duras

Hoxe é o San Miguel en Buciños, saúdos para todos os que están de festa. Hai anos as de Buciños eran unhas grandes festas para comer de campo as familias. Cando eramos cativos lembramos aquela Rigueira chea de xente comendo. Era un dos días importantes do ano. O Xan de Baixo xa poñía a gravata de mañá e marchaba para Buciños, o primeiro escoller a carne que o Cazolo poñía nun aramio para cocer no caldeiro, logo escoitar algunha misa e falar con uns e con outros. Contra o meiodía iamos chegando a familia para comer de campo. Como gozaba el vendo a súa xente reunida! Lembra o Benigno unha das súas frases: gústanme as comidas cando ao principio fala un e escoitan todos e ao final falan todos e non escoita ningún.
E tamén lembramos anos nos que choveu sete choveres. Algún xa nin saímos da casa e o Xan pequeno non paraba de mirar para as nubes e sempre lle parecía que escampaba. Outro ano que comeramos no caseto das esmolas. Tempos!!! (foto do Xan co neto Paulo)

27/09/13

Dios cando dá non é migalleiro

Pois si que chove, dá xenio vela caer por iso dixo a Pilar de Baixo: Dios cando dá non é migalleiro

15/09/13

Colleitas

As patacas. Ben, non eran todas como as máis grandes pero han chegar para cocer e fritir. Saniñas elas, pequeneiras pero prometen boa conservación. Saúde para comelas e sentidiño para repartilas para todo o ano. Contaba a Mamá Carmen que o día da arrincar as patacas a señora da casa levaba ao eido unha pota de patacas arregladas na cabeza encima dunha rolla e comíanse da pota coas mans despois de sacudilas e dicíase  "veña rapaces, antes de que enfríen"...
E na ribeira do Xan en Carcacía as uvas aínda están ben verdes



09/09/13

Día de San Peguerto

Hoxe é o día do San Peguerto (así é como pronunciaban moitos vellos) en Buciños, santo querido!
Felicidades para todos os Pegertos que coñecemos na comarca (e para os de fóra e para os que non coñecemos)

08/09/13

Hoxe día do Faro

Andan os romeiros de romaría no monte do Faro, frío á mañá e calor ó mediodía. Xantar con polbo para repoñer forzas da camiñada que foi de 7 a 10

03/09/13

Eu vou estalar (xenial)

Os carros símbolo de riqueza

Este carro ben feito estaba o domingo no Incio.  
Conta o Manolo do Tío Bernardo que a súa bisavoa María Grande Cudeiro veu de Vilaquinte (casas da Torre e do Souto). Como era lonxe viñeron ver a casa a Trasar, para saber os bens do futuro marido. Enteirados os da Casa de Baixo pediron dous carros prestados para que cando chegasen os de Vilaquinte viran tres carros na aira. Seguro que uns non preguntaron e outros nada dixeron, pero casa con tres carros debía ser casa ben rica.
Tamén conta o Manolo que hai moitos anos un tal Vicente veulle axudar a cavar un monte ao Xan de Baixo. O mesmo Vicente contaba como casara. Procuráranlle a muller e el foi coñecela e tratar o casamento. Ela estaba sentada na cociña e nin se levantou. El díxolle que lle gustaría casar e ela contestou : con ojos del alma. Cando foi a voda resultou que ela tiña as pernas moi, moi tortas. 
Coma no caso dos carros nin uns preguntaron nin outros mentiron. 
Son os contos do Manolo do Tío Bernardo, da xenio oílos.

02/09/13

V feira de etnografía e artesanía no Incio

Alá foi coma todos os anos a Pilar de Baixo. Moi boa a exposición de cousas de madeira e cestería que achegaron os viciños (coma este moble para se lavar que restauraron a Manducha e o Roberto), unha exposición de pintura, moitas outras cousas e a obrigada visita ao Hospital. Que sigan facendo esta feira no Incio, os nosos parabéns, unha das feiras neste noso país no que o importante é ver as cousas que fan os veciños e non só comer e comer




01/09/13

Animaliños

A Paz de Loebelle xa repartiu os cadeliños, que se un para Cea para a Chus, que se outro para Trasar para a María, que se un máis para Ourense para a Rosario (foto) e algún que quede para a Marta (foto)



E mentres os cadeliños reciben aloumiños... outro animal, o xabarín, destrozaba o millo na Lobagueira