31/03/13

Que será isto?

Topou isto o Xan no faio da adega d´Oleiros. Pero non sabe para que serve. Alguén pode dar unha idea? Agradecidos.
A Maricarmen di que é un "despabilador" para recurtar o pabío do candil ou vela, que o topou na Internet


30/03/13

Roubarse unha moza e un mozo

Era un costume destas terras de onda nós, contan a Pilar, a Lina e o Manolo e aínda se facía na súa mocidade. Resulta que cando a familia non deixaba a unha moza casar co mozo que ela quería podían roubarse. Primeiro tiñan que dar cun familiar ou amigo que fose persoa respectada e os acollese na casa. Logo o mozo ía buscala e levábaa á casa acordada onde quedaba baixo a protección da persoa que os acollía. Deste xeito a honra da rapaza non sufría e o amor vencía. Ás veces e visto o roubo a familia accedía, daba o consentimento e vivían felices e comían perdices. Outras seguían sen querer saber nada dos roubados e tiñan que marchar para fóra. Pero sempre casaban porque ao roubárense xa era para sempre. A Tía Antonia do Barrio tamén se roubou e levou con ela unha amiga que a acompañou ata casar.
Meus avós paternos acolleron na súa casa-adega d´Oleiros a unha moza de Cotarelo que se roubou cun mozo de Santa Mariña. E logo no casamento meus avós foros os padriños. O mozo sempre lle chamou "madriña" á avoa cando a vía ou viña á casa traballar aos días.
Por eses anos tamén se roubou unha de Lulaíños cun de Trasar e como a foi buscar nunha besta fixéronlle esta copla: "Bendita sea la yegua que los transportó a los dos, andarán en herraduras, irán al reino de Dios"
Igual é por iso que o Xan anda amañando a casa-adega d´Oleiros por se lle pasa como ao Papá Pepe e alguén lla pide para se roubar, polo menos tela en boas condicións. Niso andaba onte coa axuda do Suso.


29/03/13

Feira en Castro

Bo xantar, ben acompañada estaba hoxe a Pilar de Baixo


Fermosa paisaxe desde a ventá da adega do Xan de Baixo en Carcacía. Día de choiva. Seica eses fragmentos de nube colgados da montaña quere dicir que vai seguir chovendo. Hai que lles chama cabras, hai quen lles chama carneiros e o señor Antonio de Carcacía, empazestea, chamáballes ovellas

A mellor praia da provincia, de Galicia e de parte do mundo aínda que chova

28/03/13

O Bom Jesus de Braga



O Paulo e a Laura mándannos estas fotos desde o Bom Jesus de Braga, un dos santuarios máis bonitos que hai na cristiandade. E lembramos que no verán do 2009 a súa madriña e a avoa foron tamén por alí camiño de Fátima. A Maricarmen estaba pendente das oposicións da Xunta e botou unhas moediñas ao Bom Jesús, santo querido, e o santo obrou, que hoxe ten praza fixa na Coruña (hai que dicir que ela é ben aguda e fixo un bo exame, ademais de ter moitos puntos de cursos). Igual habería que facer un estudo para saber quen é máis avogoso: o Bom Jesus, a Virxe do Faro ou a Nossa Senhora de Fátima. Preguntaremos á avoa do Paulo que coñece ben os tres.
E a madriña e a avoa do Paulo no 2009 en Fátima:

27/03/13

Botarlle un torbón

Estes días chove, chove despois de chover. Torbón tras torbón. O Manolo do Tío Bernardo conta que por onda nós se di moito ir botarlle un torbón, que quere dicir ir beber algo (normalmente viño)

25/03/13

Rabo de castor para a vixilia

Contoulle ao Xan na ribeira de Oleiros un burgalés que vive na Touza que alí nas Castillas o día de vixilia podían comer rabo de castor, disque como o becho anda moito co rabo debaixo da auga non é considerado carne. Mais nós non sabemos como arreglalo. En internet di que a cola de castor é un pastel típico de Canadá. Igual a Laura seguidora deste blog que prepara esas comidas tan ricas de Dieta para glotones sabe como gobernar o rabo do castor.

23/03/13

Altica nos carballos

Anda a altica nos carballos, agora xa se ve a todo el por Carballedo, outras zonas xa a padeceron antes, agora tócanos a nós

Unha boa sesta

Non todo vai ser traballar e producir, tamén de vez en cando toca facer a sesta e con unha cama recén feita, coma é o caso, mesmo presta.

20/03/13

Hospital do Incio

Fermoso vídeo do Hospital do Incio que o noso tío Anxo se empeñou en restaurar hai anos. Nos primeiros minutos sae un 1º plano do seu busto. Parabéns para o autor.

19/03/13

San Xosé

Hoxe temos que felicitar os josés. Primeiro todos os da curmandade: o José, os José Manuel, a María José, o José Javier. E tamén todos os seguidores desta páxina. Parabéns e que o celebren o mellor que poidan.

17/03/13

Hoxe é o San Lázaro

San Lázaro, Ramos e en Pascuas estamos. Acaba a Coresma. Acaban as vixilias pronto e para celebralo dous curmáns nosos (o Maior,  Benigno Ángel, e o mediano, Ángel Benigno) alá en Noia no Santolo puxéronse á faena de debullar uns percebes e unha lamprea (a María e a Vitoria preferiron non probar ese bicho con sangue negro). Disque a lamprea á moda da casa: con patacas novas e chícharos, estaba riquísima. Que lles aproveite!!!


14/03/13

Tempos dos preceutos

Na nosa familia de cregos os preceutos eran sempre unha grande comida para os curas, que se sobremesas, que se años, que se cabritos chegaban de regalo. Mesmo hai anos na Casa do Tío Bernardo viñan lampreas da ribeira. Grande cociñeira como era a tía Concha nunca gobernara a lamprea e tivo que ir cabo da señora Pilar do Cambote que como estivera co tío Don Manuel en Oleiros si sabía arreglala. Iso quere dicir que antes as lampreas igual chegaban ata Carballedo. Bos tempos para as comedelas.

06/03/13

Feira do Viño de Chantada a Fin de Semana

Esta fin de semana é outra volta a Feira do Viño de Chantada. Seguro que o noso Curmán Maior vén dar unha volta e catar o viño que el entende ben do morapio, xa dixemos que n´O Cantón ha estar que arde nun candil o viño de Belesar. E falando do Curmán, topou un mirador co seu nome en Corcubión. Agora xa é coma o seu tataratío de Trasar, o famoso Don Benino, que tiña unha galería moi xeitosa onde misaba, cunhas plantas exóticas que coidaba a Concha do Tío Bernardo.

03/03/13

Receita das galletas da Pilar de Baixo

Xa que nola piden, aí vai:


Galletas da Pilar: ao forno
2 partes de fariña
1 parte de azucre
2 partes de ovo
1 parte de tulipán
Royal
Reladura de limón
A manteiga derretida
Formar una masa con todos os ingredientes citados anteriormente

01/03/13

Feira do viño de Chantada

Feira do viño de Chantada. O que veña que non deixe de pasar polo Cantón onde van ter un trato excelente e un viño de "tres estralos" .