08/09/12

A Nosa Señora do Faro, santa querida

Hoxe é o Faro, o día da  romaxe no monte que preside a nosa paisaxe. Xa sabemos que hai moitas Nosas Señoras por Galicia adiante: a da Franqueira, a de Amil, a dos Milagres... seica todas moi avogosas e hai quen di que son todas elas veñen sendo irmás e que se puxeron nos altos para así podérense ver unhas ás outras. Pero aquí por onda nós a primeiriña de todas é a do Faro, a máis avogosa, especialista en calquera cousa que se lle pida; por iso hai tanta xente ofrecida, por iso houbo hai centos de anos un poeta de Riqueixo chamado Xohan que lle escribiu unhas cantigas que agora están gravadas en pedras arredor da ermida. Cando eramos pequenos na Casa de Baixo aparellábase a besta e veña para o Faro. Este verán xa collemos herba do Vicente no Faro e moitos xa foron andando ou en coche facerlle unha visita. A ver se así a santa querida consigue que suban os prezos do leite ou baixen os dos pensos e os combustibles, que a cousa non anda nada ben, non nos viña nada mal un milagriño dela.
Tamén antes moitos romeiros xa seguían para Buciños que mañá é o San Pegerto, outro santo do que temos falado aquí. Felicidades para todos os Pegertos e Pegertiños da zona (son moitos) e tamén para os que non son da zona (coma o de Bueu)
Ahh... e tamén é hoxe a Encina, saúdos para os amigos de Ponferrada

06/09/12

Apañando as patacas

Con axuda dos cativos arrincamos as patacas, moita calor e colleita normal. Xantamos bacallau con patacas, antes seica o día da arrinca comíanse "patacas arregladas" que traía a muller de casa á leira, nunha pota grande encima dunha rolla na cabeza; non é fácil de imaxinar agora que non se ve a ninguén con cousas na cabeza, os feixes de verzas, o cesto da roupa, o balde da auga ...

03/09/12

No Incio

Onte domingo foi ao Incio unha representación dos Parentes. A Pilar e MªCarmen e o Anxo. Estiveron vendo a feira, saudaron a súa amiga a alcaldesa Laura Celeiro, probaron o porco celta. Logo visitaron o busto do noso tío ANXO, o Zoqueiro cortou unha flor e lembrou algunhas anécdotas do cura. Tamén estaba alí unha boa amiga del, a escritora Marica Campo e súa irmá, que son de alí, do Val do Mao. Vamos, día de lembranza da memoria do cura. Como dixo un señor ao saber que eran parentes de don Angel: foi o mellor home que houbo aquí.

02/09/12

De vacacións

Hai que aproveitar e ver o pobo de Redes por se anda por alí o Padre Casares