08/09/12

A Nosa Señora do Faro, santa querida

Hoxe é o Faro, o día da  romaxe no monte que preside a nosa paisaxe. Xa sabemos que hai moitas Nosas Señoras por Galicia adiante: a da Franqueira, a de Amil, a dos Milagres... seica todas moi avogosas e hai quen di que son todas elas veñen sendo irmás e que se puxeron nos altos para así podérense ver unhas ás outras. Pero aquí por onda nós a primeiriña de todas é a do Faro, a máis avogosa, especialista en calquera cousa que se lle pida; por iso hai tanta xente ofrecida, por iso houbo hai centos de anos un poeta de Riqueixo chamado Xohan que lle escribiu unhas cantigas que agora están gravadas en pedras arredor da ermida. Cando eramos pequenos na Casa de Baixo aparellábase a besta e veña para o Faro. Este verán xa collemos herba do Vicente no Faro e moitos xa foron andando ou en coche facerlle unha visita. A ver se así a santa querida consigue que suban os prezos do leite ou baixen os dos pensos e os combustibles, que a cousa non anda nada ben, non nos viña nada mal un milagriño dela.
Tamén antes moitos romeiros xa seguían para Buciños que mañá é o San Pegerto, outro santo do que temos falado aquí. Felicidades para todos os Pegertos e Pegertiños da zona (son moitos) e tamén para os que non son da zona (coma o de Bueu)
Ahh... e tamén é hoxe a Encina, saúdos para os amigos de Ponferrada

Ningún comentario: