Hoxe é martes de entroido, día de comer cachucha con grelos (por fin algúns foron chegando malia o tempo). E despois do xantar (de sobremesa tiña que haber torradas) había que fregar a louza. E dicíase aquilo de "e quen frega na casa da Encarnación?, quen vai fregar, a auga e o xabón?". O Xan de Baixo dicía que non había dereito, no entroido veña un bo cocido e logo as torradas ... e a diario nin cocido nin torradas. E logo viñan os mecos polas portas aínda que en tempos a garda civil multaba por andar disfrazados e máis aínda se levaba unha careta. Por iso, conta a Pilar de Baixo, moitas veces as comparsas de mecos levaban un coñecido coa cara descuberta para que a xente abrise a porta sen compromiso ... e que tamén se contaba que algúns amigos do alleo aproveitaban as caretas do entroido para se facer co que non era seu.
Pois iso, que pasen un bo entroido aínda que chova, que xa escampará.
Ah, e xa saben, como dicía a Mamacarmen: o Entroido onde puideres, a Pascua onda as túas mulleres.
Ah, e xa saben, como dicía a Mamacarmen: o Entroido onde puideres, a Pascua onda as túas mulleres.
Ningún comentario:
Publicar un comentario