27/04/14

Explicación de "botando nas patacas"

Alguén nos pide que lle expliquemos a foto do outro día: botando nas patacas. Pois resulta que as mulleres van sentadas no aparello do tractor que fai os regos nos que elas van deixando caer as patacas, así botar as patacas é unha poeira.
Antes abríase o rego e logo poñíase a pataca, botábase a presa de mineral e esterco, todo a man.
Conta o Señor Francisco de Pazos que tiñan alá na Limia un eido grande de patacas, os regos eran moi longos e daba traballo carretar os sacos de patacas da semente. El tiña un burro moi manso e forte, cargou o saco no asno, subiu el tamén e foi botando as patacas descansado, que o burro guiaba moi ben. Cando o seu pai viu o invento botou as mans á cabeza.

21/04/14

Lobos rabiosos

No programa de onte Cuarto Milenio de la Cuatro falouse dos lobos rabiosos de Chantada no século XIX. Alá polo medio deste programa podemos ver falando o noso veciño Leonardo do Conde de Vilaguillulfe

18/04/14

Multado por xunguir as vacas o xoves santo

Foi hai máis de corenta anos cando o Xan de Baixo foi multado pola Garda Civil porque xunguiu o Xoves Santo e pillárono. Se levase a herba ao lombo (ben máis traballo) disque non o multaban. Ai, aquelas Semanas Santas, non se podía asubiar, non se podía cantar, a radio só música clásica e había que aturar aqueles longos oficios na igrexa de Cartelos. E aínda por enriba o Venres Santo "ayuno y abstinencia" que a Mamacarmen ata pesaba a súa comida.
Arrenégote, demo, que non volvan aqueles tempos, aínda que a algúns parece que ben lles gustaría.
Foto dun balcón dos de antes na Limia

17/04/14

Lembranza do Alfonso

O 17 de abril de 2012 fóisenos o Alfonso, van alá dúas primaveras sen el ... segue na nosa memoria